9 ene 2011

A malla do 3 ao 9 de Xaneiro

A comezos de ano adóitanse presentar cifras sobre o acontecido o ano anterior. Neste sentido, esta semana soubemos que o Plan de Banda Larga da Xunta permitiu no 2010 que 219.000 galegos de zonas sen cobertura teñan hoxe acceso a internet de banda larga.

No eido da informática destacamos o vídeo resumo dos grandes e controvertidos cambios visuais que vai sufrir o Ubuntu 11.04 (Natty Narwhal). Os cambios máis destacables son, por unha banda, o lanzador de aplicacións que se mostra á esquerda do escritioro e, pola outra banda, que os menús de cada aplicación pasan a mostrarse no panel para, desta maneira, optimizar o espazo nas pantallas panorámicas.

E xa que falamos de informática, cal credes que é o sistema operativo máis extendido do mundo? Unha pista: non é nin Windows, nin Linux nin Mac OS..

Pero esta semana tamén deu moito de si en gadgets tecnolóxicos. Algunhas das novidades presentadas na feira de Las Vegas comentámolas no blogue, mais, se algo caracteriza a smartphones, portátiles, reprodutores musicais... e todos eses gadgets que nos arrodean, é a limitación pola duración das baterías. Imaxinádesvos unha batería que dure 60 anos e siga coma o primeiro día?

Ademáis soubemos que científicos rusos están a só 100 metros de chegar a un lago de auga en estado líquido baixo o xeo antártico que leva 14 millóns de anos sen ter contacto coa atmósfera. Nesta ligazón podes ler o método deseñado para non variar as condicións do lago e todo o relacionado con esta nova

E xa para rematar, unha nova que nos sorprendeu estes días: as mortes masivas de paxaros en Estados Unidos e Europa. Para seguir a evolución destes episodios podes consultar este mapa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario