8 ene 2011

LDK 82: Marcado vs. non-marcado.

A diferencia entre termos marcados e non marcados é unha das diferencias chaves da teoría lingüística, orixinada na Escola de Praga para diferencias na fonoloxía, e extendida desde esta disciplina ao resto de disciplinas da lingüística.

Considérase que os termos máis básicos, os que escollemos por defecto, son termos non-marcados. Por exemplo, horse é un termo non marcado, pois en inglés serve para referirse tanto a un cabalo como a unha égoa. En cambio, con stallion estarémonos referindo só a un cabalo macho, e con mare a unha égoa. Stallion é un termo marcado na categoría de xénero masculino, e mare na de xénero feminino.

Ao mesmo tempo, horses está marcado na categoría de número (plural) ao ter un marcador extra, o morfema de número -s, mentres que horse considérase non marcado ao ser a forma base.

Así, considérase como non-marcado ao termo máis simple e máis xeral, máis básico. En calqueira caso, a determinación de que é marcado ou non marcado non é sempre sinxela, e diversos criterios teñen sido propostos:
-Simplicidade da estrutura (presencia de maior ou menor número de elementos).
-Porcentaxe de emprego.
-Usos psicolingüísticos (percepción de que forma é máis xeral ou básica que outra).

Porén, en moitos casos atopamos que os criterios coliden, como por exemplo cando un substantivo en plural é máis empregado que o seu equivalente singular, facendo colidir os criterios de simplicidade estrutural e porcentaxe de emprego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario