3 ene 2011

O novo Decreto para lexislar o reparto do espectro radioeléctrico

O pasado xoves 30 de decembro, o Goberno do Estado informaba de que puña en marcha  o proceso para licitar novas bandas de frecuencia e reasignar as xa concedidas aos operadores con rede (Movistar, Vodafone, Orange e Yoigo), co obxectivo de impulsar os servizos móbiles e inarámbicos.

Este proceso leva parella a aprobación dun novo Decreto, que se pretende aprobar no primeiro trimestre do ano, que ampliará nun 70% o espectro destinado ás comunicacións móbiles, rango que se asignará mediante concesión aos operadores para o seu explotamento. Esta ampliación é posíbel grazas á licitación de frecuencias liberadas polo cesamento das emisións en televisión analóxica e outras que até o de agora non contan con servizos asignados, e permitirá achegar servizos de banda larga móbil ao rural, onde non é doado chegar mediante tecnoloxías cableadas (pola enorme inversión que supón).

Os tres obxectivos a cumplir polo novo Decreto son os seguintes:
  1. Servir de marco xurídico par licitar 310 MHz nas bandas de 800 MHz, 900 MHz, 1800 MHz e 2,6 MHz.
  2. Xeralizar a autorización aos operadores para a aplicación de principios de neutralidade tecnolóxica e de servizos, así como a revenda do espectro.
  3. Refarming nas bandas operativas.
Analizaremos agora as licitacións nas diferentes bandas.

Banda de 900 MHz. Refarming e licitación.

Actualmente, na banda de 900 MHz teñen concesión Movistar, Vodafone e Orange, e empréganna para cobertura GSM. Co proceso de refarming impulsarase o uso desta banda para servizos de banda larga móbil con tecnoloxía UMTS (3G) 

Tense ademáis que a banda dos 900 MHz é das mellores para a prestación destes servizos fronte outras máis altas, como a de 2100 MHz, xa que ofrece maior cobertura (e mellor en lugares de orografía complicada e interiores) radiando menos potencia, o que compensa para unha mesma inversión.

Deste xeito, para facer un reparto equitativo, a Administración deberá recuperar parte do espectro de frecuencias na banda de 900 MHz, (4,4 MHz de Movistar, 4 MHz de Vodafone e 2 MHz de Orange) e obrigará a Movistar e Vodafone e investir en zonas rurais de menos de 1000 habitantes.

En canto ás licitacións, un bloque de 10 MHz ofrecerase durante este mesmo ano (licitación á que non poderán presentarse nin Movistar nin Vodafone); outros 2 bloques de 10 MHz e 9,6 MHz estarán dispoñíbeis en 2015, data na que remata a concesión a Movistar e Vodafone.

Banda de 1800 MHz. Refarming e licitación.

A Administración ten previsto recuperar 10 MHz de cada operador que ten concesión nesta banda (Movistar, Vodafone e Orange), frecuencias que se sacarán a licitación pública, na que poderán participar os operadores que non teñan frecuencias nesta banda.

Banda de 800 MHz. Licitación.

A banda de 800 MHz (790-862 MHz) era o que se usaba até hai uns meses para a distribución do sinal de televisión analóxico. Con este novo decreto mudarase o seu uso para destinalo a servizos de banda larga. En total, saerán a licitación 6 bloques de 10 MHz antes de 2014.

Banda de 2600 MHz. Licitación.

Esta banda, de 2500 a 2690 MHz, está libre na actualidade. Prevese a licitación durante o primeiro semestre de 2011 de 55 MHz FDD e 50 MHz TDD a nível estatal, e 15 MHz FDD para concesións de rango inferior a estatal.

Estas concesións poderán ser empregadas para calquera servizo (non está ligado a ningunha tecnoloxía) e para revenda de espectro. As concesións de rango inferior a estatal estarán dispoñíbeis en Galiza, Asturias, Euskadi, Extremadura e outra para o resto do territorio Español.
Cadro resumo das frecuencias a licitar. Fonte: Ministerio de Industria

Conclusións

A primeira conclusión que podemos tirar deste novo Decreto é que resulta positivo o uso das frecuencias liberadas para a extensión da cobertura de banda larga móbil, sobre todo para pular pola eliminación da fenda dixital e poder contar con Internet no rural, algo difícil de pensar a día de hoxe en territorios como Galiza.

Tamén é de supór que as concesións na banda de 2,6 GHz para territorios "inferiores ao estatal" irán a parar ás operadoras de cable (R en Galiza, Telecable en Asturias, Euskaltel en Euskadi e Ono no resto do Estado), que xa teñen amosado a súa disposición para construír de xeito conxunto un novo operador con rede propia (mantendo sempre as súas respectivas marcas).

Isto ten unha dobre lectura: positiva porque posibilitaríalles comezar a construír un operador móbil completo e negativa porque a banda de 2,6 GHz é a menos atractiva polas altas inversións que precisa. Ademais, na actualidade non existen dispositivos compatíbeis con esta banda.

Quedaría logo por ver que acontece coas bandas de 800 MHz e 900 MHz. Lembremos que a de 800 MHz poderá ser repartida en até 6 operadores (e é de supór que algo recibirán) e na de 900 MHz entrarán novo(s) operadore(s).

Volvémonos atopar que, malia que a banda de 800 MHz é unha das que mellor propagación ten, non existen dispositivos compatíbeis na actualidade, polo que Yoigo e cableiras xogaranse todo no que aconteza coa banda de 900 MHz.

Fonte / Bibligrafía

No hay comentarios:

Publicar un comentario