4 ene 2011

LDK 80: Morteiro de cal

Hai xa algo de tempo explicamos a diferenza entre coada, morteiro e formigón, diciamos que o morteiro é unha mestura de conglomerante, árido e auga. Pois ben, o morteiro de cal é o morteiro no que empregamos o cal como conglomerante.

É inevitable comparar os morteiros de cal cos de cemento. Os morteiros de cemento teñen máis resistencia, plasticidade e, tamén, máis adherencia unha vez endurecidos; mais, pola contra, sofren máis retracción (redución de tamaño debido á perda de auga no endurecemento). Os morteiros de cal endurecidos son máis elásticos, co que permiten en maior medida as dilatacións e asentos propios da fábrica. Os morteiros de cal tamén teñen maior permeabilidade, de maneira que facilitan unha correcta transpiración das fábricas e evitan, en maior medida, a posible aparición de humidades no interior da mesma.


Por todo isto é moi recomendable que na restauración de casas antigas de pedra ou de fábrica de ladrillo tradicional (en menor medida en Galicia), se empreguen morteiros de cal para tomalas. De feito, aínda que hai uns anos se empregase morteiro de cemento para estes traballos, na actualidade volve ser habitual que os profesionais das restauracións teñan preferencia polo morteiro de cal.

Imaxe: Castelo de San Felipe (Por Luis P. Castelo)

No hay comentarios:

Publicar un comentario