1 ene. 2011

LDK 79: Muros pantalla

Hai unha temporadiña falabamos dos baleirados de terra, e diciamos que as escavacións non se poden facer verticais porque se derruba a terra, explicamos en que consistía a escavación por "bataches". Esta non é a única opción, e tamén existen outras solucións coma os muros pantalla.

Para construír os muros pantalla, primeiro realízase un pequeno muro guía de aproximadamente un metro de altura a ambos os dous lados da gabia que queremos realizar para construír o muro pantalla, e que, por un lado, evita que caian as terras da parte superficial da gabia cando facemos o baleirado, e por outro, serve de guía para a culler que fai a escavación. A continuación procédese á escavación, se o terreo ten pouca resistencia, engádenselle lodos bentoníticos, é dicir, uns líquidos especiais que fan presión e evitan que a terra se derrube. Neste vídeo podedes ver unha escavación do muro pantalla sen muro guía no que empregan lodos bentoníticos. A escavación faise en tramos curtos que por un extremo limitan co muro xa feito, e polo outro nun tubo que se coloca especialmente para que quede unha forma acantilada.


A continuación colócanse as armaduras, vértese o formigón que despraza os lodos que se recollen para volver empregar, e fáiselle unha viga de coroación para que traballe solidariamente todo o muro. Cando o formigón endureceu o suficiente, xa se pode escavar o recinto que limita o muro pantalla, e será este o que evite que o terreo se derrube, a medida que se vai escavando, é preciso facer ancoraxes para evitar que dea a volta. 

Esta técnica emprégase moito en edificación, nos edificios entre medianeiras realízase a escavación sen invadir terreo alleo e o propio muro suxeita as cimentacións das edificacións adxacentes.

Normativa aplicable: EHE-08.

2 comentarios: