14 ene 2011

Estratexias de tematización

Falabamos o luns das diferencias entre suxeito, tema e foco. Podemos definir como tematización ao proceso polo cal destacamos, ou damos énfase a unha parte da oración distorsionando a estrutura natural da mesma, é dicir, ao proceso polo cal dámoslle voluntariamente a función de tema a un membro da estrutura. Para isto basearémonos nas estratexias do inglés, explicando o equivalento galego cando este existir.

En inglés falamos de sistemas temáticos para referírmonos ás múltiples formas de marcar unha oración de xeito que esta exprese un énfase diferente. Destacamos os seguintes sistemas:

1. Sistema de voz:
Ao cambiarmos unha oración a pasiva facemos que o peso da acción recaia no experimentador no canto de recaer no axente. En galego a estratexia é equivalente.

2. Extraposición:
Móvese unha unidade, normalmente unha cláusula subordinada con that que funciona como suxeito, ao final da oración; e introdúcese un pronome baleiro it no lugar que ocupaba:

That he could feel the pain
is obvious.
It is obvious that he could feel the pain.

A extraposición é obrigatoria cos verbos appear, seem, chance, happen, remain, intend e a pasiva de hope.
En galego tamén é habitual que as oracións cunha subordinada longa funcionando como suxeito movan esta ao final da oración, mais non é necesario que introduzan un pronome baleiro.
É necesario que aparezas por aquí de cando en vez.

En realidade, a tendencia a mover un suxeito longo ao final da oración está regulada polo Principle of End-Weight, un principio sintáctico que afecta a ambas as linguas.

3-Tematización ou adiantamento:
Un elemento que queremos enfatizar é movido á posición anterior ao suxeito.
Your novel he promised he would read.

En inglés hai algunhas limitacións para este tipo de movementos, ao contrario que en galego, onde é bastante libre. En inglés, se o elemento tematizado é un adverbio negativo ou seminegativo, a tematización dará lugar á inversión do verbo e o suxeito.

4-Cleft constructions ou construcións fendidas.
Quizais o sistema de enfatización máis empregado en inglés, consiste en dar énfase a unha parte da oración facéndoa ser o complemento dun verbo to be con it como suxeito:

He gave you a present yesterday at your party because he likes you.
It is he that gave you a present yesterday at your party because he likes you.
It is you that he gave a present yesterday at your party because he likes you.
It is a present that he gave you yesterday at your party because he likes you.
It is yesterday that he gave you a present at your party because he likes you.
It is at your party that he gave you a present yesterday because he likes you.
It is because he likes you that he gave you a present yesterday at your party.

Nalgúns casos pódese substituír o that por outro pronome relativo ou simplemente elidilo, pero o that é moito máis empregado.
En galego a estrutura é similar, máis só se usa o pronome relativo correspondente.
Fuches ti quen foi ao palleiro.


5-Pseudo-cleft constructions:
Similares ás cleft constructions, neste caso o que se tematiza é todo o predicado ou frase verbal, empregando como introdutor un what.
His death surprised me.
What surprised me was his death.

En galego temos unha estrutura similar introducida con "o que", se ben o seu uso é pouco habitual.
O que me sorprendeu foi que viñera!

Outra variante desta construción prodúcese introducindo un do, co equivalente galego "o que fixo foi".
After she died, what he did was to look for another girlfriend.
Despois que ela morrera, o que fixo foi buscar outra moza.


6-Construcións con there:
Cando o verbo da oración principal é o to be e a estrutura contén un locativo ou un complemento predicativo, pódese mover o suxeito a posición postverbal e introducir un suxeito baleiro there.
Some sugar was on the floor.
There was some sugar on the floor.
Some women were present.
There were some women present.

Cando simplemente temos un suxeito e un verbo to be, esta construción é obrigatoria.
*Many different types of fish are.
There are many different types of fish.

Esta construción non ten equivalente en galego.

7-Dislocación:
Unha frase nominal é movida á dereita ou á esquerda do resto da oración, deixando nesta un pronome ao que serve de antecedente:
She can be very egoist, her sister.
One of my cousins, she has a Ferrari.

Estas oracións diferéncianse dun caso de extraposición en que o pronome ten unha referencia e non é baleiro, en que se produce unha pausa na coma e en que forman parte dun estilo informal.
En galego temos equivalentes claros:
A súa prima, foi a ela a quen lle roubaron o coche.



No hay comentarios:

Publicar un comentario