13 ene 2011

LDK 84:Chemineas

Unha cheminea é un sistema que se emprega para ventilar ou evacuar gases non desexados, como pode ser o caso das frituras na cociña, as combustións dunha cociña de leña ou os malos olores do cuarto de baño.

As chemineas que non teñen medios mecánicos para facilitar a evacuación funcionan por convección, é dicir, pola diferenza de presións que existe entre o interior e o exterior da casa. É importante que a cheminea teña unha sección o máis constante posible e, ademais, sexa vertical e evite os cambios bruscos de dirección, para, desta maneira, non entorpecer o fluxo do aire.

A esta diferenza de presións pódese sumar a provocada por unha diferenza de densidade do aire, por exemplo, nas cociñas económicas (tamén coñecidas como cociñas de leña ou bilbaínas, vamos, as do rural de toda a vida) é o propio aire quente producido na combustión o que sobe debido á menor densidade, e, por tanto, facilita a evacuación dos gases. De feito, cando a cociña non tira ben porque fóra non hai vento que cree unha depresión que faga ascender o aire, o que se fai é introducir unha folla de periódico acendida no tiro para que quente o aire do tramo vertical de cheminea, este suba, e así faga baixar a presión do conduto e que os gases da combustión vaian polo tiro. Unha vez que temos quente o conduto, xa hai unha circulación de aire que facilita a correcta evacuación dos gases.


Moitas veces, para construír os tramos finais das chemineas, empréganse tubaxes de aceiro inoxidable sen illar; ao non estar ben illado, o aire deste tramo arrefría e por tanto aumenta de densidade, co que se dificulta o fluxo de aire. Para solucionar o problema, chega con revestir o conduto con ladrillo para que ille o tramo de cheminea.

Imaxe cheminea: urbanity.es/foro
Imaxe lareira: Capítulo 0 (Sole Felloza).

No hay comentarios:

Publicar un comentario