17 ene 2011

Desabafar os cristais dos coches

Cal é a mellor forma de desabafar o cristal dun coche? Por que?

A mellor forma de desabafar o cristal dun coche é poñendo o aire acondicionado e a calor ao máximo. Imos ver o porqué: para comezar, cómpre lembrar o concepto de temperatura de orballo. O aire ten certa cantidade de vapor de auga na súa composición, pero a capacidade de absorber auga do aire é limitada, e depende da temperatura e da presión: a maior temperatura ou a menor presión, o aire admite maior cantidade de vapor. Pois se temos un aire cunha cantidade de auga e o arrefriamos por debaixo do que denominamos "temperatura de orballo", o vapor pasa a estado líquido porque o aire máis frío non admite tanta cantidade de auga. Desta maneira, se temos o aire no interior do coche con moita humidade, ao estar o cristal frío (por debaixo da temperatura de orballo), a auga condensa e por iso se abafa o cristal.


Pois ben, imos aplicar estes coñecementos para desabafar o cristal. Estamos dentro dun coche co aire interior a 15 ºC e cunha humidade absoluta de 8 g de auga en cada kg -de aire-, temos tres posibilidades para desabafar sen abrir as ventás:

Primeiro, se acendemos a calefacción sen darlle calor e tomamos o aire do interior do coche (así facilitamos o concepto) para que faga unha corrente que seque o cristal, o aire a 15 ºC satúrase con 10 g/kg (admite 10 gramos de auga en cada quilogramo de aire), como o aire xa ten 8 g/kg, só pode absorber 2 gramos de auga por quilogramo de aire botado pola calefacción.

Segundo, se poñemos a calefacción coa calor ao máximo, a temperatura do aire que expulsa é de 20 ºC. A esta temperatura, o aire admite unha cantidade de auga de 15 g/kg. Como o aire xa ten 8 g, a diferenza é de 7 g e, por tanto, cada quilogramo de aire que saia pola calefacción admitirá 7 gramos de auga.

E por último se o que facemos é poñer o aire acondicionado e a calefacción coa calor ao máximo, o aire que estaba a 15 ºC, ao pasar polo aire acondicionado arrefría e pasa a ter unha temperatura de 5 ºC. Con esta temperatura admite 5 g/kg e 3 gramos condénsanse, co que o aire queda só con 5 g de auga en cada kg de aire. Ao pasar pola calefacción e quentar este aire a 20 ºC, pasa a admitir 15 g, pero só ten 5 g porque o arrefriamos e a auga sobrante condensou. A diferenza é de 10, e o aire admite 10 g por cada kg de aire que saia da calefacción, co que ao admitir máis cantidade de auga, este proceso fará que os cristais desabafen antes.

Imaxe: Fotograma de Titanic. GoneMovie.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario