8 dic 2010

Recursos para o galego (por Luz Varela Armas)

Cando nos poñemos a escribir a todos nos xorden dúbidas lingüísticas de diferente tipo, e máis aínda se o facemos nunha lingua na que a construción do estándar é moi recente, pois os cambios que supón todo proceso de elaboración dunha variedade estándar fan que en ocasións nos sintamos inseguros á hora de empregala. Esta é unha situación á que se enfrontan frecuentemente as persoas que escriben en galego que, ademais, adoitan descoñecer as ferramentas que lles poden axudar a resolver esas dúbidas. A continuación imos ver algunhas delas:

1.-Correctores. Os correctores son un dos recursos máis prácticos para a resolución de dúbidas lingüísticas, xa que non só nos permiten corrixir os nosos erros, senón que son un xeito doado de fixármonos neles para evitalos no futuro. No caso do galego dispoñemos de:
  • Correctores ortográficos, que só nos sinalan os erros relacionados co forma de escribir as palabras. Neste caso podemos atopar correctores para Microsoft Office (2000, Xp e 2003, no caso do 2007 xa está incluído na versión traducida para o galego) e para OpenOffice.
  • Correctores gramaticais, que fan o mesmo cós anteriores, pero ademais tamén nos sinalan os erros que teñen que ver coa relación entre as palabras (concordancia, rexencia de verbos, etc.). Só existe para o galego un corrector deste tipo, que podemos empregar no OpenOffice.
2.-Vocabularios ortográficos. O galego conta co Volga (Vocabulario ortográfico da lingua galega), unha ferramenta de gran utilidade para a resolución de dúbidas ortográficas. Con todo, cómpre ter en conta que é unha obra de base (dela parten a maioría dos dicionarios modernos), moi incompleta, polo que o feito de que unha palabra non apareza no Volga non quere dicir que esa palabra non estea admitida no estándar. Ademais actualízase constantemente, pero nunca se indica en que momentos se realizan estas actualizacións nin cales son, polo que é posible que unha palabra que hoxe aparece como incorrecta mañá estea tolerada o sinalada como correcta. Cómpre ter en conta que está desenvolto polo ILG e a RAG, polo que estas mudanzas teñen carácter oficial.

3.-Dicionarios:
  • Dicionarios monolingües
Entre os dicionarios monolingües adaptados á norma actual que podemos atopar na rede, quizais foi digalego.com o máis empregado nos últimos tempos, un dicionario que desde hai case dous meses é de pago. Con todo, existen alternativas gratuítas, coma o Dicionário Electrónico Estraviz, un dicionario bastante completo que, aínda que elaborado na normal AGAL, pode sernos útil tamén se empregamos a norma ILG/RAG, pois permite a opción de realizar as buscas nela (pero a entrada á que nos remite vai estar redactada na norma AGAL). Tamén é gratuíto, aínda que non tan completo, o Galizionario.

Outro dos dicionarios monolingües é o Diccionario da Real Academia Galega, pero cómpre ter especial tino ao usalo porque se trata dun dicionario que, ademais de constar de poucas entradas, foi publicado en 1997, polo que non está adaptado á reforma de 2003. A RAG anunciou recentemente a próxima publicación dun novo dicionario, máis amplo e actualizado, pero descoñécese se se vai poder consultar na rede.

Todos estes dicionarios adoitan incluír pouca información no referente a frases feitas ou refráns e, se a inclúen, o habitual é que a ordenación non nos permita atopala con facilidade. Neste senso poden resultar útiles os Cadernos de fraseoloxía (1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10 e 11). Tamén adoita ser escasa nos dicionarios que vimos de citar a información referente aos neoloxismos e tecnicismos, eidos para os que nos poden ser de axuda o Banco de datos de neoloxismos da Universidade de Vigo e a Termoteca, respectivamente.

Por outra banda, tamén poden ser de interese o Dicionario de dicionarios ou o Dicionario de dicionarios do galego medieval. O primeiro deles compila todas as obras lexicográficas non comerciais existentes desde o século XVIII (Sarmiento) ata a actualidade. Os máis recentes son en xeral dos anos 60 e 70 do século XX, pero tamén podemos atopar incluída algunha obra posterior. É unha obra moi útil para atoparmos documentadas palabras que non contempla o estándar actual, pero cómpre facer un pequeno apuntamento sobre ela, pois a pouco que a usemos decatarémonos de que a maioría dos dicionarios incluídos non contemplan palabras que consideramos moi básicas, como poden ser mesa ou casa. Isto non implica necesariamente que sexan dicionarios incompletos, xa que cómpre ter en conta a súa finalidade: a maioría deles ían dirixidos a persoas foráneas que descoñecían o galego pero que o necesitaban para desempeñar o seu traballo (médicos, cregos, avogados), polo que non cumpría que incluísen os termos coincidentes co castelán. Ademais, aínda que a priori pareza contraditorio, tamén se podería interpretar que hai unha certa finalidade patriótica por debaixo: amósase só o léxico diferencial, o que contribúe a amosar a pureza do galego fronte ao castelán (o criterio da pureza foi moi importante para lexitimar o prestixio das linguas). Esta finalidade tamén se explicita nalgúns dos prólogos dos primeiros dicionarios. Tampouco nos debe estrañar que a maioría estean redactados en castelán, dada a súa finalidade práctica e a situación sociolingüística do momento no que foron publicados. Con todo, isto non fai que deixen de ser dicionarios de galego, xa que recollen definicións de termos galegos. En canto ao Dicionario de dicionarios do galego medieval, é unha obra que quizais nos pode resultar menos práctica no día a día, pero pode ser interesante se queremos saber se unha determinada palabra era empregada xa no galego medieval. Aínda así, só permite buscas en base a lemas medievais, é dicir, se buscamos a forma moderna miña só imos atopar as referencias á forma medieval miña, pero non a outras formas deste posesivo coma mĩa ou ma.
  • Dicionarios bilingües
Entre os dicionarios bilingües cómpre destacar o Dicionario CLUVI inglés-galego, o Dicionario CLUVI francés-galego e o Dicionario CLUVI español-galego, todos eles baseados no corpus de tradución do CLUVI, é dicir, as solucións de tradución que nos dean van ser solucións que no seu momento se adoptaron para a tradución dun determinado texto. Relacionados con este tipo de dicionarios están os tradutores automáticos, entre os que cómpre destacar o Tradutor español <-> galego OpenTrad-apertium (que tamén nos ofrece a posibilidade de realizar traducións galego – portugués – galego) ou o Proxecto Carvalho. Tamén é moi interesante o tradutor de Google polas múltiples combinacións de linguas que permite, pero aínda está moi pouco desenvolto no caso do galego e pode achegarnos equivalentes de tradución errados moi facilmente (clicade aquí para ver un bo exemplo disto).

  • Dicionarios de pronuncia.
Recentemente publicouse o Dicionario de pronuncia da lingua galega, que inclúe unas 2000 voces e que pode ser moi útil en dúbidas relacionadas coa pronuncia das vogais medias ou de grafemas aos que lles corresponde máis dun fonema (por exemplo, indícasenos que pronuncia do na palabra complexo é /ks/, e non a fricativa postalveolar –a de xa-, que é a pronuncia máis frecuente).

4.- Dúbidas gramaticais. Neste senso cómpre destacar Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, nas que se explican as principais cuestións relacionadas coa ortografía e a gramática da lingua estándar. Tamén nos poden ser útiles a Síntese gramatical publicada polo SNL da UDC, e outras obras coma os Criterios para o uso da lingua, Sobre a calidade da nosa lingua ou o Manual de documentos administrativos, todas elas elaboradas tamén polo SNL da UDC, así coma os Criterios lingüísticos do Servizo de normalización da USC.

5.- Córpora textuais. Algúns dos principais córpora textuais que podemos empregar son os seguintes:
  • CLUVI (Corpus lingüístico da Universidade de Vigo), conxunto de córpora textuais que supoñen un total duns 23 millóns de palabras.
  • CORGA (Corpus de referencia do galego actual), que recolle distintos tipos de texto en galego desde 1975 ata a actualidade.
  • TILG (Tesouro informatizado da lingua galega), corpus aberto que conta con numerosos textos literarios pertencentes ao período do galego moderno, desde 1612 ata a actualidade (os últimos textos incluídos datan de 2002).
  • TMILG (Tesouro medieval informatizado da lingua galega), que inclúe textos en prosa (notarial e non notarial) e en verso datados entre os séculos VIII e XVII.
  • CTG (Corpus técnico do galego)
  • Corpus do português.
6.- Outras
  • Análise morfolóxica e sintáctica: FreeLing Galego, ferramenta que realiza automaticamente análises morfolóxicas e sintácticas (dependenciais).
  • Sintetizadores texto – voz: Cotovía, ferramenta que nos permite converter a voz calquera texto en galego.
  • Toponimia: Nomenclátor de Galicia, que recolle todas as formas oficiais da toponimia maior galega (concellos, parroquias e lugares).
  • Apelidos: Cartografía dos apelidos de Galicia, ferramenta que nos indica o número de persoas cun mesmo apelido e a súa distribución por concellos.
Para rematar, velaquí algunhas webs que recollen listaxes interesantes de recursos:

3 comentarios:

  1. Parabéns pola recompilación :)

    No tema de refráns e frases feitas falta o imprescindíbel Dicionário de Fraseologia http://www.agal-gz.org/modules.php?eid=3&name=Encyclopedia&op=list_content

    E para dúbidas o Falar com jeito http://www.agal-gz.org/modules.php?name=Content&pa=list_pages_categories&cid=1 do Profesor Fernando Vázquez Corredoira.

    E había un dicionario Galego-Alemán, mais deixou de furrular http://193.147.87.248/dicionario/index.php :/

    ResponderEliminar
  2. A verdade é que non usara nunca nin o Dicionário de Fraseologia nin o Falar com jeito, pero estiven trebellando agora un pouco e parecen bastante prácticos :)
    Unha mágoa que non funcione o Dicionario Galego-Alemán!

    ResponderEliminar
  3. Bo traballo!

    Déixovos aquí outra lista con recursos, creo que algo máis antiga:

    http://tinyurl.com/recursos-ciberirmandade

    ResponderEliminar