9 dic 2010

LDK 69: A pérfida Albion

O pasado venres falabamos de Beda o Venerable e da súa Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum, dicindo que Plinio foi unha das súas fontes. E no comezo da Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum temos este fragmento, tomado de Plinio, do que destacamos unha palabra:
Britannia oceani insula, cui quondam Albion nomen fuit,...

Britania, unha illa no oceano, que antigamente tiña como nome Albion...

Beda o Venerable, Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum, Libro 1, cap.1.

Tamén aparece na tradución ao Anglosaxón de Alfred the Great:

Breoton is garsecges ealond, ðæt wæs iu geara Albion haten

Albion
é o nome máis antigo que se coñece para designar á illa de Gran Bretaña. Aínda que hai quen di que pode vir da raíz non-Indoeuropea *alb- ('montaña'), todo parece indicar que vén do adxectivo latino albus, ('branco'), facendo referencia á primeira imaxe que recibirían os clásicos da illa, xa antes de cruzar o Canal da Mancha, os acantilados brancos de Dover.


O termo "pérfida Albión" para referirse dunha forma negativa a Inglaterra é, pola contra, moito máis recente: foi acuñado a finais do século XVIII, e popularizado por Napoleón nunha campaña de reclutamento de tropas en 1813.


No hay comentarios:

Publicar un comentario