Tal día coma hoxe, hai un ano, colgamos a nosa primeira entrada en Mallando na e-ira, dando vida a unha idea na que viñamos cavilando dende había algún tempo. Aproveitando a ocasión, queremos contarvos algo máis polo miúdo o porqué do nacemento de Mallando e quen está detrás.
Mallando na e-ira?
'Luís, por que isto se di así neste idioma e neste outro? non se supón que son de familias lingüísticas distintas?' 'Vítor, o que non entendo é que cunha estrutura tan sinxela non veña todo abaixo' 'Iago, como é posíbel que con este par de cousas poidamos chegar a transmitir algo?'
Así xurdiu Mallando na e-ira. Tres amigos con curiosidade por saber o porqué das cousas que nos arrodean e ás que entre nós tratamos de explicarnos. Até que un día tivemos unha idea: por que non publicar estas dúbidas nun blogue, e así poderllas resolver a calquera?, así naceu o xermolo dese proxecto.
Mais todo blogue ten un nome (e o noso non ía ser menos), así que puxemos as neuronas a funcionar para tratar de definir ao monstro que estabamos a crear. Queríamos condensar no nome a esencia da terra e o futuro.
E froito diso pensamos na malla, como esa tradición do campo galego de bater no cereal para separar a semente da palla, non só polo feito de parafrasear o feito de debullar as ideas, senón tamén por todo o evento social que acompañaba á malla.
Con iso conseguimos a primeira parte do blogue, Mallando. Mais a nosa 'malla' particular tamén quería a mirar ao futuro, e tendo en conta que a actividade de mallar se facía na eira foi como xurdiu a idea dunha eira dixital ou e-ira, co que conseguimos ter o nome completo do blogue, Mallando na e-ira.
Detrás de Mallando na e-ira
Dende hai xa bastante tempo podedes saber un pouco máis sobre quen somos os que damos vida ao blogue, mais quixemos aproveitar este aniversario de Mallando na e-ira para publicar unha páxina de parte dos blogs que seguimos para que poidades chegar ás historias que pasan pola blogosfera afíns a Mallando.
Queremos facer unha mención especial a Amazings, xa que malia súa recente creación, o blogue conxunto de Miguel Artime (Maikelnai's Blog), Antonio Martínez (Fogonazos) e Javier Peláez (La Aldea Irreductible) e os seus máis de 50 colaboradores, suponnos unha fonte de coñecemento científico xeral moi importante
Tamén destacamos a blogosfera Android, a cal é cada vez máis ampla, parella ao auxe que está a ter o sistema operativo de Google. Entre todos eses blogues, destacamos dous:
- El Androide Libre: é un dos referentes de Android en español. Recolle toda a información relacionada co sistema operativo móbil de Google, dende análises de aplicacións a reviews de terminais, pasando por manuais de programación.
- And.roid.es: a este blogue faino especial o seu especial fincapé pola promoción do desarrollo en Android e ter un podcast bastante interesante.
Aínda que non é fácil facer unha selección dos blogues que seguimos, a continuación deixamos os blogues que, de forma persoal, temos como referencia:
Iago
- Engadget: este blogue, na versión inglesa, é para min todo un referente do mundo tecnolóxico, dos gadgets e de Internet. Conta cunha actualización constante, necesaria nun blogue destas características.
- Redes Zone: máis ca un blogue é un portal sobre telecomunicacións e redes, que alén de novas a modo de blogue contén foros, reviews de routers e puntos de acceso, tutoriais...
- Cooking ideas: trátase dun blogue colectivo impulsado por Vodafone de curiosidades de todo tipo, que explica o porqué de moitas cousas dun xeito divulgativo e cunha linguaxe apta para todos os públicos.
- Tecnoloxía: o blogue de María Loureiro, malia que inicialmente pensado como unha ferramenta para o seu alumnado, o certo é que é unha aula aberta en Internet, no que se poden coñecer moitos aspectos tecnolóxicos, inda por riba co plus de estar en galego.
Vitor
- Geodiendo: un alumno de enxeñería de camiños conta o que vai aprendendo, e as curiosidades que atopa pola rede.
- La pizarra de Yuri: blogue cunha capacidade para facer entender certos conceptos con moita facilidade.
- Tito Eliatron Dixit: un profesor de matemáticas que nos conta infinidade de curiosidades das matemáticas en xeral.
Luís
- A lista Language Geeks, do twitter de Linguick: unha colección de contas de Twitter de diversos lingüistas e outras persoas obsesionadas coa linguaxe.
- Física en la Ciencia Ficción: un blogue publicado polo profesor da materia co mesmo nome, nela contrástanse os feitos que acontecen nas películas de ciencia ficción co que pasaría baixo as leis da física.
- Language Log: é o Amazings da lingüística. Impulsada por Geoffrey Pullum (páxina persoal) (Wikipedia) da University of Edinburgh, e Mark Liberman (páxina persoal) (Wikipedia) da University of Pennsylvania, conta cunha nómina de ducias de colaboradores que postean cuestións relativas ás diferentes subdisciplinas da lingüística ao máis alto nivel.
Moitos parabéns, e que sexan moitos anos máis.
ResponderEliminarE moitas grazas pola referencia. Gústame iso de aula aberta en internet :-)
Parabéns!! Por aguantar un ano, polos temas que tratades, pola variedade...
ResponderEliminarAgora que vexo que estreades dominio e engadíchedes ligazóns e contacto só dicir que boto de menos as categorías e un buscador ;)
Graciñas polas parabeniacións!
ResponderEliminarifrit, dominio xa tivemos dende o primeiro momento. Tomamos nota das suxerencias! ;)
Ostras! muchas gracias por la recomendación.
ResponderEliminarSon estas pequeñas-grandes cosas las que hacen a uno seguir adelante con la labor de diculgación que me he planteado.