6 dic 2010

Primeiro Aniversario de Mallando

Tal día coma hoxe, hai un ano, colgamos a nosa primeira entrada en Mallando na e-ira, dando vida a unha idea na que viñamos cavilando dende había algún tempo. Aproveitando a ocasión, queremos contarvos algo máis polo miúdo o porqué do nacemento de Mallando e quen está detrás.

Mallando na e-ira?

'Luís, por que isto se di así neste idioma e neste outro? non se supón que son de familias lingüísticas distintas?' 'Vítor, o que non entendo é que cunha estrutura tan sinxela non veña todo abaixo' 'Iago, como é posíbel que con este par de cousas poidamos chegar a transmitir algo?'

Así xurdiu Mallando na e-ira. Tres amigos con curiosidade por saber o porqué das cousas que nos arrodean e ás que entre nós tratamos de explicarnos. Até que un día tivemos unha idea: por que non publicar estas dúbidas nun blogue, e así poderllas resolver a calquera?, así naceu o xermolo dese proxecto.

Mais todo blogue ten un nome (e o noso non ía ser menos), así que puxemos as neuronas a funcionar para tratar de definir ao monstro que estabamos a crear. Queríamos condensar no nome a esencia da terra e o futuro.

E froito diso pensamos na malla, como esa tradición do campo galego de bater no cereal para separar a semente da palla, non só polo feito de parafrasear o feito de debullar as ideas, senón tamén por todo o evento social que acompañaba á malla.

Con iso conseguimos a primeira parte do blogue, Mallando. Mais a nosa 'malla' particular tamén quería a mirar ao futuro, e tendo en conta que a actividade de mallar se facía na eira foi como xurdiu a idea dunha eira dixital ou e-ira, co que conseguimos ter o nome completo do blogue, Mallando na e-ira.

Detrás de Mallando na e-ira

Dende hai xa bastante tempo podedes saber un pouco máis sobre quen somos os que damos vida ao blogue, mais quixemos aproveitar este aniversario de Mallando na e-ira para publicar unha páxina de parte dos blogs que seguimos para que poidades chegar ás historias que pasan pola blogosfera afíns a Mallando.

Queremos facer unha mención especial a Amazings, xa que malia súa recente creación, o blogue conxunto de Miguel Artime (Maikelnai's Blog), Antonio Martínez (Fogonazos) e Javier Peláez (La Aldea Irreductible) e os seus máis de 50 colaboradores, suponnos unha fonte de coñecemento científico xeral moi importante

Tamén destacamos a blogosfera Android, a cal é cada vez máis ampla, parella ao auxe que está a ter o sistema operativo de Google. Entre todos eses blogues, destacamos dous:
  • El Androide Libre: é un dos referentes de Android en español. Recolle toda a información relacionada co sistema operativo móbil de Google, dende análises de aplicacións a reviews de terminais, pasando por manuais de programación.
  • And.roid.es: a este blogue faino especial o seu especial fincapé pola promoción do desarrollo en Android e ter un podcast bastante interesante.
Aínda que non é fácil facer unha selección dos blogues que seguimos, a continuación deixamos os blogues que, de forma persoal, temos como referencia:

Iago
  • Engadget: este blogue, na versión inglesa, é para min todo un referente do mundo tecnolóxico, dos gadgets e de Internet. Conta cunha actualización constante, necesaria nun blogue destas características.
  • Redes Zone: máis ca un blogue é un portal sobre telecomunicacións e redes, que alén de novas a modo de blogue contén foros, reviews de routers e puntos de acceso, tutoriais...
  • Cooking ideas: trátase dun blogue colectivo impulsado por Vodafone de curiosidades de todo tipo, que explica o porqué de moitas cousas dun xeito divulgativo e cunha linguaxe apta para todos os públicos.
  • Tecnoloxía: o blogue de María Loureiro, malia que inicialmente pensado como unha ferramenta para o seu alumnado, o certo é que é unha aula aberta en Internet, no que se poden coñecer moitos aspectos tecnolóxicos, inda por riba co plus de estar en galego.
Vitor
  • Geodiendo: un alumno de enxeñería de camiños conta o que vai aprendendo, e as curiosidades que atopa pola rede.
  • La pizarra de Yuri: blogue cunha capacidade para facer entender certos conceptos con moita facilidade.
  • Tito Eliatron Dixit: un profesor de matemáticas que nos conta infinidade de curiosidades das matemáticas en xeral.
Luís
  • A lista Language Geeks, do twitter de Linguick: unha colección de contas de Twitter de diversos lingüistas e outras persoas obsesionadas coa linguaxe.
  • Física en la Ciencia Ficción: un blogue publicado polo profesor da materia co mesmo nome, nela contrástanse os feitos que acontecen nas películas de ciencia ficción co que pasaría baixo as leis da física.
  • Language Log: é o Amazings da lingüística. Impulsada por Geoffrey Pullum (páxina persoal) (Wikipedia) da University of Edinburgh, e Mark Liberman (páxina persoal) (Wikipedia) da University of Pennsylvania, conta cunha nómina de ducias de colaboradores que postean cuestións relativas ás diferentes subdisciplinas da lingüística ao máis alto nivel.

4 comentarios:

  1. Moitos parabéns, e que sexan moitos anos máis.
    E moitas grazas pola referencia. Gústame iso de aula aberta en internet :-)

    ResponderEliminar
  2. Parabéns!! Por aguantar un ano, polos temas que tratades, pola variedade...

    Agora que vexo que estreades dominio e engadíchedes ligazóns e contacto só dicir que boto de menos as categorías e un buscador ;)

    ResponderEliminar
  3. Graciñas polas parabeniacións!

    ifrit, dominio xa tivemos dende o primeiro momento. Tomamos nota das suxerencias! ;)

    ResponderEliminar
  4. Ostras! muchas gracias por la recomendación.

    Son estas pequeñas-grandes cosas las que hacen a uno seguir adelante con la labor de diculgación que me he planteado.

    ResponderEliminar