13 dic 2010

Os trazos de deseño de Hockett

Tense dito que a linguaxe é a característica definitoria do ser humano, e se ben isto non é completamente certo, pois hai varias especies animais con capacidade para comunicar mensaxes, se ben limitadas, o ser humano é a única especie cunha capacidade lingüística completa.

E que é unha capacidade lingüística completa? Téñense proposto múltiples solucións a esta resposta, mais a resposta máis empregada soe ser facer referencia aos Trece Trazos de Deseño que o lingüista americano Charles F. Hockett enunciou por primeira vez en 1960.

Segundo Hockett, a capacidade lingüística ten trece trazos básicos1, que serven para diferencialo de calquera sistema de comunicación non humano:

1. Canle vocal auditiva: As linguas exteriorizan as mensaxes mediante a voz e a súa recepción faise polo oído: esta canle vocal-auditiva é a base da comunicación, pois moitas linguas carecen de escrita. Os sons que usa a linguaxe non son ilimitados, senon restrinxidos e categorizados. Ademais, o carácter vocal da linguaxe implica o seu carácter lineal, pois os sons han de ir forzosamente uns detras dos outros no tempo.
O resto dos animais usan outras canles, coma a química, a táctil ou a visual, e os que usan a canle vocal-auditiva sóeno facer en compaña doutras (por exemplo, os primates non empregan só os sons, senón unha combinación de sons e xestos).

2. Transmisión irradiada e recepción direccional: O son expándese en todas direccións, pero o receptor pode localizar a dirección de procedencia e o punto de orixe.

3. Esvaecemento rápido: O son perde intensidade de forma gradual e uniforme, e desaparece nun tempo, o que deixa a canle libre para novas transmisións. O ser humano inventou recursos para manter a linguaxe ao longo do tempo, coma a memorización e a escritura, que é un simple sustituto da fala.

4. Intercambiabilidade: Calquera ser humano pode ser emisor e receptor de mensaxes, o que non ocorre nas linguaxes animais. Este feito é unha consecuencia da economía da linguaxe, pois evita ter que ter regras diferentes para a emisión e a recepción de mensaxes.

5. Retroalimentación total: O emisor tamen recibe a mensaxe, o que lle permite corrixirse, controlar o ton de voz... Este trazo, xunto coa intercambiabilidade, permite ao ser humano falar consigo mesmo.

6. Especialización: Os sons da fala son unicamente comunicativos, isto é, a fala non vén ocasionada pola recepción de estimulos, nin ten ningunha outra finalidade máis aló que a de comunicar, ao contrario que algúns casos de comunicación animal. As consecuencias enerxéticas da linguaxe son irrelevantes para o home. Este feito é unha consecuencia do simbolismo e da economía da linguaxe.

7. Semanticidade: Na linguaxe establécese unha relación entre a expresión e o contido, permitindo aos usuarios do sistema dicir algo sobre algo. Os sistemas animais teñen propiedades semánticas restrinxidas, pero a linguaxe humana é totalmente aberta e ten moitísima precisión. Este trazo é unha consecuencia do simbolismo da linguaxe, aínda que tamén redunda na eonomía e na creatividade.

8. Arbitrariedade: O nexo que une nome e significado é arbitrario, non motivado ou convencional, ao contrario que na iconicidade, onde o nexo non é arbitrario, máis motivado pola semellanza. Na lingua, os signos son arbitrarios, e só as onomatopeias, algunhas interxeccións e as aliteracións poden ser consideradas como relativamente icónicas. Na comunicación animal están presentes elementos arbitrarios e icónicos.

9. Carácter discreto: A fala é un continuo organizado pola lingua en unidades discretas, de forma que múltiples realizacións (todas as formas diferentes de dicir, por exemplo, /a/) deveñen poucas abstraccións (un único fonema, /a/). Tódalas unidades lingüísticas son discretas. Algúns tipos de comunicación animal non son discretos.

10. Deslocamento: Hai unha independencia do estímulo, podemos comunicarnos sobre elementos do non presente, do pasado, do futuro; podemos falar sobre mundos imaxinarios. A comunicación animal faise sobre feitos inmediatos e presentes. Este trazo é outra consecuencia do simbolismo da linguaxe.

11. Produtividade: Temos a capacidade de producir e comprender un numero ilimitado de comunicacións novas. Non é necesario ter oído un enunciado previamente para saber o que significa. Isto é consecuencia tanto do uso creativo da linguaxe, como da recursividade das regras da gramática, que permiten, facendo uso dun mecanismo limitado e de elementos finitos, xerar infinitas oracións.

12. Transmisión cultural ou tradicional: As linguas transmítense de pais a fillos, de xeración en xeración. Os nenos poden aprender calquera lingua, veñen capacitados xeneticamente para facelo. Segundo Chomsky, a xenética aportaría unha Gramática Universal, intervindo en compaña da tradición para aprender unha lingua. Pola contra, algunhas comunicacións animais xa veñen xeneticamente predeterminadas.

13. Dobre articulación: A lingua está articulada dobremente: Hai unha primeira articulación formada por elementos mínimos significativos (morfemas), que se descompoñen en elementos mínimos non significativos pero distintivos (fonemas), que forman a segunda articulación. Ambas articulacións están caracterizadas pola linealidade e o seu uso forma parte da economía da linguaxe, posto que cun numero limitado de unidades da segunda articulación pódese compoñer un numero ilimitado de unidades da primeira. Non hai ningún sistema de comunciación animal que posúa a dobre articulación.

Segundo Hockett, son os catro últimos trazos os que nos diferenciarían do resto dos animais, sendo exclusivos da nosa lingua, posto que os nove primeiros tamén forman parte dos sistemas de comunicación dos primates.



Nunha publicación posterior (1968), Hockett uniu a esta lista de trece trazos, outros tres máis, tamén exclusivos da linguaxe humana:

14. Prevaricación: A linguaxe humana permite ao ser humano emitir enunciados non acordes coa realidade, é dicir, mentir.

15. Reflexividade: A linguaxe humana permite ao ser humano falar da propia capacidade da linguaxe. Podemos falar dun cabalo e da palabra "cabalo".

16. Capacidade de aprender outras linguas: O ser humano é o único animal capaz de aprender outras variedades lingüísticas diferentes á primeira que aprendeu.


Durante a entrada, vistes facer referencia a tres principios ou características xerais, o de economía, o de creatividade e o de simbolismo, nos que podemos resumir a linguaxe humana.
O principio de economía da linguaxe vén dado polas limitacións físicas e psíquicas dos seres humanos: só podemos emitir e diferenciar un numero limitado de sons, e a nosa capacidade de memoria e procesamento é limitada, polo que tendemos a empregar a forma máis económica posible de comunicarnos.
O principio de creatividade da linguaxe maniféstase na nosa capacidade de emitir e entender expresións totalmente novas mediante o uso dunhas regras lingüísticas determinadas que nos permiten crear resultados infinitos a partir da combinación de elementos finitos.
Por último, o principio de simbolismo refírese ao feito de que a linguaxe é un símbolo (ou, mellor dito, un sistema de símbolos, de modo que a linguaxe refírese a unha realidade exterior e independente da realidade lingüística. en que a linguaxe remite a unha realidade distinta da de sí mesmo.


Notas:

1 Algúns autores descreben aínda máis trazos.


Bibliografía:

Hockett, Charles F. 1960. "The Origin of Speech," Scientific American, 203, pp.88-96.

Hockett, Charles F. & Altmann, Stuart. 1968. "A note on design features". In Sebeok, Thomas A., (ed), Animal communication; techniques of study and results of research, pp. 61–72. Bloomington: Indiana University Press.

Moreno Cabrera, Juan Carlos. 1991. "Características del lenguaje humano". En Curso Universitario de Lingüística General. pp.35-43. Madrid: Síntesis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario