18 dic 2010

LDK 73: Aceiro

Os metais son un grupo de elementos químicos da táboa periódica que se caracterizan por seren bos condutores da calor e da electricidade. Algúns exemplos de metais son o ferro, o aluminio, o cobre ou o níquel.

Partindo dun metal e facendo unha mestura sólida e homoxénea con outro metal ou outro elemento, se a unión resultante ten propiedades metálicas, diremos que temos unha aliaxe. Algúns exemplos de aliaxes son o aceiro, o alpaca (cinc, cobre e níquel), o bronce (cobre e estaño) ou o latón (cobre e cinc).


O aceiro é unha aliaxe composta por un metal, o ferro, e por un non metal, o carbono, o que non supera 1,8% en peso na composición. Se a porcentaxe de carbono supera o 2%, non é aceiro, é fundición, un material máis fráxil, que non admite forxa e que é preciso quentar sobre seu punto de fusión para poder moldealo. Engadindo outros elementos á composición, podemos obter outras variantes do aceiro con certas características, por exemplo, se engadimos cromo, obtemos aceiro inoxidable; se engadimos cobre, cromo e níquel obtemos o aceiro corten, un material empregado principalmente polo seu valor estético, cunha oxidación que forma unha capa protectora por ser impermeable ao vapor de auga.

O aceiro é un material fundamental na construción, e sobre todo nas estruturas, ben sexa usado directamente mediante perfís laminados, empregando barras corrugadas na fabricación do formigón armado, cables no formigón pretensado ou mesmo nos tirantes das pontes colgantes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario