17 dic 2010

LDK 72: O "the" de visita en inglés

As linguas teñen as veces mecanismos curiosos para marcar algúns significados específicos.

Un destes mecanismos curiosos é o uso en inglés do artigo determinado "the" con certos substantivos que designan lugares, para marcar que se vai a eles ou se está neles cun propósito diferente ao máis habitual.

Os substantivos aos que se aplica este mecanismo son seis: bed, church, court, hospital, prison e school.1

Os usos son bastante obvios:

She is in bed
denota que a persoa está dentro da cama, durmindo ou descansando, mentres que she is in the bed denota que a persoa está, por exemplo, agardando sentada na cama.

Así, usariamos church, sen artigo, para indicar que a persoa está rezando, e the church para indicar que está ou vai á igrexa para outros propósitos, como admirar as vidreiras.

Igualmente, o uso normal de court sería para tomar parte nun xuízo, o de hospital estar como paciente, o de prison estar como prisioneiro e á school ir como estudante. Porén, se se vai visitar a sede dos xulgados, a algún paciente ao hospital, a un prisioneiro ao cárcere ou ao profesor dun teu fillo á escola, usariamos o the.

Esta estratexia, pola cal a presenza do artigo indica que se vai de visita, é unha estratexia bastante económica (cunha palabra somos quen de indicar todo un novo significado) e amosa ao mesmo tempo como coa asignación de referentes aos significados tamén evocamos toda unha serie de datos da vida real que unimos conceptualmente a eses referentes (ex: "a unha escola o máis habitual é ir como estudante").

NOTAS:

1 Por extensión, de school pasouse a empregar tamén con college e university.

1 comentario: