24 dic 2010

Categorización lingüística da realidade: Determinismo, Hipótese Sapir-Whorf e críticas

O mundo está cheo de continuos. O espectro das cores é un continuo. As diferentes temperaturas son un continuo, ao igual que os sons. Porén, no noso cerebro non pensamos en termos de continuo. Ao vermos unha cor non pensamos na súa porcentaxe de matiz, brillo e saturación, e ao escoitar un son non pensamos na súa frecuencia, amplitude e duración. Ao procesarmos a información, as cores son categorizadas dacordo cun sistema de categorías que nos veñen dadas. Unha cor cuns determinados matiz, saturación e brillo será categorizada como "verde", e un son cunhas determinadas frecuencia amplitude e duración será categorizado como o fonema /k/.

De onde sacamos estes sistemas de categorización? Pois ben, estes sistemas de categorización veñen dados pola lingua: A lingua que aprendemos, a lingua propia, dános un sistema de categorías coas que categorizamos o que percibimos. Estas categorías poden ser moi similares entre diferentes linguas, máis tamén poden ser moi diferentes.

Exemplos

Por exemplo, á precipitación de H2O en estado sólido formando cristais recibe na nosa lingua o nome de neve, e sería categorizado nunha única categoría. Porén, un esquimó vería diferentes realidades que categorizaría de formas diferentes, dacordo cos diferentes tipos de neve.

Isto tamén se aplica aos sons. Os sons forman parte dun espectro continuo que ten infinitas variantes. Porén, nós recoñecemos un número limitado de fonemas. Por exemplo, escoita isto. Unha /k/ non? Pois para os árabes é un son [q] perfectamente diferenciado do [k], xa que é uvular e non velar.

Outro exemplo é o do galés, que só tén tres categorías de cor para o que nós (ou o inglés) temos catro (Hjelmslev, 1943):


Obviamente, ao falarmos destas categorías non dicimos que un falante non sexa quen de distinguir dúas realidades aínda clasificándoas na mesma categoría: que non sexamos quen de clasificar ou nomear cores non quere dicir que non sexamos quen de distinguilas. Por exemplo, somos quen de distinguir a cor laranxa suaveciña como se estivese mesturado con blanco da cor laranxa forte como a dunha bombona de butano, mais ambas clasificamolas como "laranxa".
Mais a clasificación, a categorización, si depende da lingua.


O determinismo lingüístico e a Hipótese Sapir-Whorf

Pois ben, esta realidade levou á enunciación dunha teoría, o determinismo lingüístico, que na súa versión máis dura defende que un só pode pensar nas categorías nas que a súa lingua lle permite pensar, que "a lingua determina o pensamento".

Esta idea baséase nunha hipótese desenvolvida polos lingüistas Benjamin Whorf e Edward Sapir durante o seu traballo cos indíxenas norteamericanos. A hipótese Sapir-Whorf defende que "diseccionamos a natureza dacordo co establecido polas nosas linguas maternas", de tal modo que, nun exemplo de Whorf, a partir de que os Hopi de Arizona tiñan unha lingua que distinguía entre animado e inanimado e introducía as nubes e as pedras na categoría de "animado"; Whorf conclúe que os Hopi cren que nubes e pedras son entidades animadas, vivas, e que é a gramática da súa lingua a que determina está visión do mundo.


Críticas

Esta teoría ten recibido un bo número de críticas, que podemos clasificar en dous tipos. Dunha banda, están as críticas que se basean na confusión entre as categorías do mundo físico (sexo) e as lingüísticas (xénero). Por exemplo, Sampson (1980) criticouna cun exemplo dunha tribo que ten unha lingua na que os termos que designan femias teñen unha marca especial distintiva, e que ademais, esas "marcas de femia" tamén se dan nos termos para designar as realidades "porta" e "pedra". De seguirmos o determinismo lingüístico, poderiamos dicir que nesa tribo portas e pedras son entidades femias igual que as nenas e as mulleres. Porén, se decimos que os termos empregados por esa tribo son "la niña", "la puerta", "la piedra", podemos deducir que a conclusión á que chegaramos non é moi afortunada.

Doutra, están as críticas que din que a percepción da realidade non é tanto modificada pola lingua como polas diferentes experiencias culturais. Así, un esquimó coñecerá máis palabras para a neve por ter maior contacto con ela, igual que en Hawaii as linguas teñen un grande número de palabras para os diferentes tipos de choiva. Deste xeito, a lingua só reflictiría as nosas vivencias culturais e preocupacións. A esta crítica está unido o feito de que, coa súa formulación orixinal, a hipótese é incapaz de dar conta da capacidade da lingua para nomear un novo obxecto, cousa que sabemos que existe na realidade.

Ligazóns relativas:

Sobre a influencia da lingua na percepción cromática:
http://www.cienciacognitiva.org/?p=37

Un repaso rápido a outras cuestións de influencia da lingua na percepción/categorización:
http://www.cienciacognitiva.org/?p=15

Un capítulo de tese sobre diversidade léxica:
http://elies.rediris.es/elies21/CAPITULO4.pdf

No hay comentarios:

Publicar un comentario