3 dic 2010

Beda o Venerable

Beda 'o Venerable' foi un monxe inglés que viviu entre 673 e 735. Naceu nas terras dos mosteiros de Wearmouth, onde foi enviado xa con 7 anos. En 682, coa fundación dun mosteiro xemelgo ao de Wearmouth en Jarrow, transferiuse alí, onde catro anos máis tarde sería o único supervivinte dunha peste xunto co fundador do mosteiro, Ceolfrith. Beda tivo unha carreira eclesiástica meteórica, sendo diacono con 19 anos e presbítero con 30.



Beda escribiu máis de 60 libros, pero a súa obra máis importante foi a Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum, completada en 731. Esta obra comeza coa invasión da Britania por Cesar no ano 55 AdC., e continúa cunha narración da historia da Britania Romana, centrándose no desenvolvemento do Cristianismo na zona. Trala caída de Roma, o libro trata a re-cristianización de Britania en 597 por parte de Agostiño de Canterbury, que conseguiu cristianizar as tribos xermánicas que invadiran a actual Grande Bretaña e que pasaron a nós co nome de Anglo-Saxóns. Os outros catro libros que conforman a Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum dan un repaso de toda a historia da illa até a data de compleción da obra, conformando o que é unha das fontes máis importantes da época anglosaxona de Gran Bretaña.

Porén, ademais desta obra, hai outro motivo polo que Beda é relevante. Beda é, segundo moitos, o primeiro historiador postclásico en empregar claramente un proceso rigoroso (hai quen fala de 'científico') na creación das súas obras: Beda separa feitos de lendas, algo pouco habitual na época, e citaba claramente as súas fontes.

Beda recoñece que os seus escritos teñen a súa orixe en tres fontes: os coñecementos propios (a transcrición de feitos vividos), a 'tradición dos maiores' (a literatura oral), e os escritos dos antigos (a literatura clásica). De entre estes últimos, tres son os autores que máis influencian a Beda: Gildas, e a súa obra De excidio Britorum (ou Britanniae); Plinio, e a súa Historia Naturalis, da que toma en boa medida a descrición da illa de Grande Bretaña que abre a obra; e finalmente Paulo Orosio, que desde a Gallaecia romana escribiu a Historiae Adversum Paganos, unha obra moi popular durante a primeira metade da idade media que foi traducida ao AngloSaxón, despois de Beda, polo rei Alfred the Great.


Podedes ler a Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum, na súa versión en inglés, aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario