10 nov 2010

Nikola Tesla III: Inventos de Tesla, I (por Isaac Manteiga)

Nesta entrega falaremos dalgúns dos inventos de Tesla e das súas aplicacións.

A Nikola Tesla atribúeselle a invención de moita da tecnoloxía que, aínda que non nos damos conta, usamos hoxe en día de forma habitual: a corrente alterna, a luz fluorescente, a luz de neon, dispositivos de radio control, robótica,… e ducias de inventos apaixonantes que pertencen ao lado máis místico e descoñecido de Tesla. Dise que Tesla inventou entre 700 e 1600 dispositivos, a maioría dos cales son descoñecidos para o gran público.

Inventor da corrente alterna e da súa distribución



Como xa indiquei na segunda desta serie de entradas, no apartado “Os primeiros contactos”, Tesla foi o inventor do motor de corrente alterna, tan usado hoxe en dia polas industrias.
Foi o precursor da produción, transmisión, distribución e transformación do sistema polifásico usado en todo o mundo hoxe en día, xa que a corrente alterna se podía transportar longas distancias, a diferencia da corrente continua, que necesitaba unha central cada dúas millas, debido a que as liñas non podían soportar tensións elevadas, indispensables para este tipo de transmisións.

A turbina


En 1906 Tesla inventa unha turbina de 4,5 Kg. e 30 cabalos de vapor, coa que pensa que podería rebaixar o coste da electricidade dado o seu baixo coste de fabricación en relación ó que se facía naquela época.

Transmisión eléctrica sen cables e sen custo



Tesla ideou un sistema de transmisión de electricidade sen fíos, de maneira que a enerxía podería ser levada dun lugar a outro mediante ondas de naturezas non hertzianas.
Un amigo que traballaba na empresa de electricidade “Colorado Springs”, convenceuno en 1899 para que se trasladase a esa localidade e tamén persuadeu ós donos da compañía xeradora para que provesen a Tesla de enerxía sen custo.
O sistema baseábase na capacidade da ionósfera para conducir electricidade, a potencia transmitíase a unha frecuencia de 6 Hz cunha enorme torre chamada “Wardenclyffe Tower”, para valerse da resonancia Schumann como medio de transporte, de xeito que comezou a traballar nunha torre de transmisión de enerxía de 60 metros de altura denominada “A bobina de Tesla”, coa que pretendeu demostrar que podía prover de electricidade a unha gran cantidade de aparellos sen necesidade de cables transmisores.
O seu primeiro experimento foi un éxito. 200 lámpadas de luz acenderonse a certa distancia da torre. O método de Tesla foi transmitir unha onda de frecuencia a través da terra para facer chegar a enerxía ás lámpadas situadas a 40 kilómetros da torre.
O inventor tiña unha predisposición moi grande á teatralidade para presentar os seus experimentos. Por exemplo, mostrou como un tubo ao baleiro recheo con certos gases se iluminaba cando o achegaba a un campo electromagnético. Os tubos que presentou estaban dobrados de maneira que formaban os nomes de nomeados científicos especialmente convidados para esa oportunidade. Esta forma de iluminación é o que logo foi desenvolvido como tubo fluorescente, amplamente utilizado na actualidade.
Deste xeito, presentou a patente correspondente en 1897, dous anos despois Guglielmo Marconi lograría a súa primeira transmisión de radio. Marconi rexistrou a súa patente o 10 de novembro de 1900 e foi rexeitada por ser considerada unha copia da patente de Tesla. Iniciouse un litixio entre a compañía de Marconi e Tesla. Tras recibir o testemuño de numerosos científicos destacados, a Corte Suprema dos Estados Unidos de América fallou en 1943 a favor de Tesla (aínda que a maioría dos libros mencionan a Marconi como o inventor da radio).
Foi neste ano cando se produciu un estraño incidente que marcou o seu éxodo dende “Colorado Springs”. Un experimento de transmisión de enerxía fixo voar tódolos xeradores da compañía de electricidade e os seus donos, enfurecidos co inventor, negáronse a continuar dandolle electricidade.
Todo isto, sumado aos problemas financeiros cada vez maiores, fixéronlle recorrer no ano 1900 ao multimillonario J. P. Morgan. Tesla vendeulle un proxecto para crear un sistema de transmisión de datos a distancia e sen cables que abarcaría todo o planeta. Morgan, que viu a posibilidade de acceder un virtual monopolio do sistema de comunicacións, deulle 150.000 dólares para desenvolver os seus inventos e un terreno en Long Island onde instalou o laboratorio de Wardenclyffe.



Unha serie de accidentes deulle fama de mala sorte ao novo laboratorio. Para peor, o entusiasmo de Morgan ía en diminución ante a falta de resultados concretos para exhibir. A gota que colmou o vaso foi a conversación que tivo unha noite Tesla co millonario; o inventor, quizais con algunhas copas de máis, confesoulle que o plan de transmisión de comunicacións era en realidade un proxecto para transmitir electricidade sen custo aos fogares norteamericanos.
Ó día seguinte Morgan cortou todo apoio a Tesla e este veuse obrigado a buscar novos investidores. Esta foi a última oportunidade que tivo para demostrar que era capaz de facer realidade o proxecto de electricidade gratuíta e sen límites.
Os investidores negáronse a apoiar a Tesla debido á mala prensa que viña tendo dende algúns anos atrás. Dende que comentou a un grupo de xornalistas que no seu laboratorio de "Colorado Springs" lograra captar sinais de radio provenientes dun lugar no espazo que probablemente fóra o planeta Marte, os reporteiros comezaron a cualificalo como un científico excéntrico e tolo demasiado predisposto á fantasía.
Como curiosidade, en 1975 un grupo de científicos de la NASA en Pasadena (California) conseguiu transmitir enerxía a través do aire a unha distancia de 1,5 quilómetros. Para a proba utilizaron unha antena xigante e unha torre situada a unha milla de distancia, sobre a que se colocou un panel con 4.500 receptores. Estes receptores, denominados “rectennas”, eran os encargados de transformar as microondas en electricidade e de encender un panel de lámpadas que debían funcionar como testemuños. A proba foi un éxito absoluto. Desta maneira, propúxose como unha posible vía para subministrar electricidade a algunhas rexións da Terra a través de satélites reflectores e como alternativa para proporcionar subministración eléctrica a comunidades onde a instalación de cables resulta imposible. Un experimento deste tipo éstáse levando a cabo nun val remoto de Illa Reunión, no océano Índico.

Inventor da radio

No ano 1897, Tesla preséntase na oficina de patentes co deseño da súa radio. Unha radio, que xa nesa data, incluía non só a posibilidade de transmitir voz, ademais permitiría transmitir datos e imaxes. A patente quedou rexistrada a nome de Nikola Tesla, ata que, tres anos despois (1900) nóvamente aparece en escena Thomas Edison canda un dos seus socios italianos, Guglielmo Marconi, e presenta un deseño de radio que, para máis “inri” e mofa, utilizaba para o seu funcionamento ata 17 patentes de Tesla.
Marconi, dispoñía dun maior instinto comercial e de mellores conexións sociais. A “Compañía Telegráfica Sen Fíos” de Marconi, tiña entre os seus accionistas a membros da aristocracia inglesa. O 12 de decembro de 1901, as accións desta compalía subiron como a escuma cando lograron transmitir sinais dun a outro lado do Atlántico.
Nese momento, a carreira cara á invención da radio parecía empezar a decantarse, por primeira vez, cara a Marconi. Tesla non se alterou, en realidade, apreciaba a vontade do italiano, máis que a súa capacidade inventiva, e así puido dicir a un enxeñeiro amigo seu: “Marconi é unha boa persoa. Deixemoslle continuar. Está utilizando 17 das miñas patentes”. Pero, en 1904, a oficina de patentes dos Estados Unidos, seguramente a causa de presións procedentes de medios influentes, concedía a licenza ao invento de Marconi: o italiano pasará á historia como inventor da radio. Tesla, inicialmente, tiña outras invencións que reclamaban a súa atención, pero, en 1911, cando Marconi obtivo o Premio Nóbel, Tesla enfureceuse verdadeiramente. Recorreu ós avogados, pero a querela interposta contra Marconi, non progresou por falta de medios económicos. Houbo que esperar ata 1943, pouco despois da morte de Tesla, para que o Supremo Corte de Xustiza dos Estados Unidos recoñecese a patente da radio de Tesla. Existía unha razón extremadamente pragmática para que o poder xudicial actuase así. A compañía de Marconi acababa de demandar ao goberno norteamericano pola utilización abusiva e ilegal das súas patentes durante o primeiro conflito mundial. A "Suprema Corte" evitou a demanda restaurando a prioridade da patente de Tesla e invalidando a de Marconi. Así pois, hoxe, a pesar de que Marconi siga sendo xeralmente recoñecido como inventor da radio, en realidade, Tesla é, xuridicamente, o verdadeiro inventor desta patente.


No hay comentarios:

Publicar un comentario