9 nov 2010

LDK 56: A Terra Media

A Terra Media é o nome do lugar onde suceden a maioría das historias narradas nas diferentes novelas de J.R.R.Tolkien.

De onde sacou Tolkien esta idea? Na mitoloxía xermánica, o Midgard era un dos 9 mundos, o "curro do medio", no que vivían os homes. O nome está presente na maioría das linguas xermánicas: en Old Norse como Miðgarðr, no poema "Muspilli" en alemán alto antigo aparece como Mittilagart. A forma do Gótico, Midjungards aparece como unha tradución do grego οἰκουμένη no Evanxelio de San Lucas. Todas elas derivan dunha raíz do Proto-Xermánico, reconstruída como *medja-gardaz (*meddila-, *medjan-). Ambas partes poden ser reconstruídas a Indoeuropeo (*medhyo, *ghartos) mais o composto só aparece en linguas xermánicas.


En Old English, aparece, tanto en épica como en poesía, a forma Middangeard. Esta foi a forma que atopou Tolkien nun fragmento de Cynewulf:
Éala éarendel engla beorhtast / ofer middangeard monnum sended.¹

Posteriormente, e por influencia do fenómeno coñecido como etimoloxía popular, a palabra comezou a ser analizada como unha mestura de middan + eorðe (terra) en vez de middan + geard (curro), o que deu lugar ás formas Middellærd e Mittelerde, que xa eran usadas pouco máis tarde, como podemos ver neste fragmento do Ormulum:
þatt ure Drihhtin wollde / ben borenn i þiss middellærd

Estas foron as formas escollidas por Tolkien para tomar o nome para a súa Middle Earth, a Terra Media.

Notas:
¹ Tolkien nomeu como Eärendil a unha das súas personaxes, un mariñeiro que cruza o mar desde a Terra Media até as terras imperecedeiras para pedir axudas aos poderes anxelicais, os Valar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario