8 nov 2010

Beepers

Beepers, buscas, mensáfonos... diferentes formas de chamar a un aparello.

Trátase dun dispositivo xurdido en Nova Iorque en 1950, vencellado ao mundo empresarial, que vén a ser un receptor de mensaxes en diferentes formas. Gozou de notábel éxito nas décadas dos 80 e 90, e malia que se pense que era un servizo a extinguir, a día de hoxe segue a estar operativo en certos ámbitos. En España popularizouse en entornos non profesionais grazas a unha afamada campaña de Cocacola do ano 1996: Beeper Cocacola.
Imaxe do Beeper que regalaba Cocacola

Funcionamento

Entre os servizos de buscapersoas, distinguimos principalmente 3:
  • Servizos numéricos.
  • Servizos alfanumércios.
  • Servizos de voz.
Nos primeiros recíbese na pantalla un número co que se supón que o dono do busca debe contactar; nos alfanuméricos pódense recibir mensaxes con texto, de xeito semellante aos sms, e, finalmente, cos de voz pódense escoitar pequenos mensaxes gravados (P.E. 'Precísante en tal-sitio').

Para o envío das mensaxes existen diversos protocolos (TAP, FLEX, ReFLEX, POCSAG, Golay, ERMES e NTT). Nos Estados Unidos, por exemplo, emprégase polo xeral o FLEX na banda dos 900 MHz, que emprega unha potencia de 1 KW, o que garante unha gran cobertura. De feito, unha das principais vantaxes do servizo de buscapersoas é que ao ser analóxico acada rangos de cobertura moi superiores á telefonía móbil, mesmo en interiores.

Tamén é tipico usar bandas en VHF, arredor de 400 MHz en UHF e 900 MHz con POCSAG e ERMES.

Hoxe en día, algúns operadores permiten que os mensaxes de texto se envíen dende unha conta de correo, malia que este servizo non garante que se teña recibido a mensaxe (por exemplo, se hai problemas na rede)

Sobre o seu uso

Malia que poida parecer que os sms e a telefonía móbil en xeral teñen desprazado o uso do servizo beeper, isto non é así. Ao funcionar con tecnoloxía analóxica ten rangos de cobertura bastante superiores á telefonía móbil. De feito, territorio español esta cobertura é do 100%.

Alén diso o seu uso é factíbel en lugares onde os móbiles están prohibidos, como zonas delicadas de hospitais.

En definitiva, polo xeral úsanse en situacións nas que ten que haber garantía de recepción e isto vai moi ligado ás emerxercias. Algúns dos seus usos son:
  • No Reino Unido é obrigatorio o seu uso polos bombeiros.
  • Sistemas de localización permanente (violencia de xénero, persoal sanitario de garda...).
  • Minería (nulo risco de explosión.
  • Técnicos de telefonía móbil: avisos para cando hai cortes de servizo de telefonía móbil.
Seguridade

Alén do comentado, os buscas, por ser receptores pasivos, non poden ser rastrexados no espazo, o que aumenta a seguridade, a menos que precisemos ser localizados...

No hay comentarios:

Publicar un comentario