11 nov 2010

LDK 57: Motor Wankel

Explicabamos o outro día os motores de combustión interna máis habituais, pero non son os únicos. Existe un motor patentado por Felix Wankel, en 1929, que emprega rotores no sitio de pistóns, e que se chama motor Wankel. Este motor tivo certa aceptación no mercado xaponés, e foi empregado por varios modelos de Mazda, mais non foi así no europeo, xa que, aínda que Citroën sacou o M35 e o modelo GS Birrotor (do que se venderían 847 unidades); Mercedes Benz creou un prototipo con este motor, o C111, pero non conseguiu ver a luz; e NSU, tamén crearía algún modelo; este tipo de propulsión estaba moi verde e era moi pouco fiable.


O motor Wankel funciona cos mesmos 4 tempos que xa explicamos: admisión, compresión, combustión e escape; pero aquí prodúcense os 4 tempos á vez en lugares diferentes. Para isto un rotor en forma de triángulo curvo xira arredor dun eixo variable dentro dun oval que evita o uso de válvulas.

As principais vantaxes deste motor radican na escasa cantidade de compoñentes, a cal lle confire lixeireza; e no movemento rotativo, que evita as vibracións que producen os pistóns nos motores tradicionais. Pola contra, entre as súas desvantaxes podemos destacar que non ten unha curva de potencia demasiado elástica e que é complexo manter estanquidade debido ás dilatacións. Ademais estes motores quecen moito máis cós tradicionais, e emiten gran cantidade de gases contaminantes.

Na actualidade, Mazda vende modelos que funcionan con motor Wankel, como é o caso do RX-9, e, ademais, está traballando nun motor rotativo diésel.

No hay comentarios:

Publicar un comentario