24 nov 2010

Nikola Tesla (e V): Inventos de Tesla III (Por Isaac Manteiga)

Con esta entrada rematamos o repaso pola vida e obra de Nikola Tesla, repasando uns cantos inventos máis:

Microscopio electrónico

A lámpada con pastilla de carbono tamén contén o concepto do microscopio electrónico. Xéranse partículas que son enviadas en liña recta a partir dun minúsculo punto de actividade sobre a pastilla, mantida a un potencial elevado. Coa corrente continua só se consegue expulsar as partículas. Na superficie do globo, as partículas reproducen cunha imaxe fosforescente o debuxo do punto microscópico desde o que son emitidas. Inspirándose nesta constatación feita por Tesla, os científicos descobren en 1939 a posibilidade de utilizar un microscopio non xa con luz, senón que grazas a un fluxo de electróns dá unha resolución moito máis grande. A descrición de Tesla do efecto obtido coa súa lámpada de pastilla de carbono encóntrase case sen cambios nos termos para describir ao microscopio electrónico.

Acelerador de partículas

A lámpada de pastilla contén tamén certos aspectos dos aceleradores de partículas. En efecto, a expulsión de partículas de alta velocidade nos aceleradores lineais encóntrase na lámpada. Ademais, o fenómeno de resonancia, do que falarei no seguinte punto, intervén nos aceleradores de tipo ciclotrón.

A resonancia

En 1898 Tesla proba un oscilador minúsculo que axusta a un piar de ferro fundido que atravesa un inmoble. Prodúcese unha vibración en todo o inmoble e o pánico de todos os inquilinos que cren que se trata dun terremoto. Tesla acaba de demostrar o efecto da resonancia: ”Esta viga non podería ser destruída con mazas, nin incluso con pancas: abondou un refacho de pequenos golpes que, por separado, non poderían magoar nin a unha mosca. É posible que un alfeñique impulse unha persoa corpulenta nun bambán, se lle empurra sempre no momento preciso para permitir unha amplificación do movemento.”

Control remoto

En setembro de 1898 Tesla sorprendeu o público asistente á Exhibición Eléctrica levada a cabo no Madison Square Garden de Nueva York, ao presentar o primeiro bote do mundo conducido por control remoto, usando o seu sistema "Teleautomático" ou "potenciado coa mente". Todas as noites da semana que durou a exhibición Tesla controlou a distancia un bote acoirazado con ferro de 3 pés de lonxitude facendo unha ampla gama de manobras. Para demostrar a simplicidade da súa operación, Tesla convidou a varios voluntarios do público a operar os controis. Como era de esperarse tras o asombro inicial moitos dos presentes comezaron a acusalo de plaxio e a dicir que en realidade o bote era controlado por un home oculto nun compartimento segreto ou por un cable oculto baixo a auga.
A súa meta era vender un submarino operado de maneira similar para que a Armada dos Estados Unidos o utilizase na súa guerra contra España. Tesla opúñase á guerra e cría que o seu invento aforraría moitas mortes innecesarias. A Armada non se mostrou interesada.
Uns 50 anos máis tarde, as bombas alemás V-1 e V-2 accionadas por control remoto tomaron prestado o seu deseño.

RADAR

O radar é o instrumento base de defensa en todos os países modernos do mundo.
Tesla descobre o principio do radar en 1900, pono a punto e, a pesar dos seus problemas financeiros, publica os principios do que se converterá, case tres décadas despois, no radar.
Quince anos despois da descrición do radar por Tesla, equipos de investigadores americanos e franceses traballaron paralelamente sen descanso para pór a punto un sistema de funcionamento segundo os seus principios. En 1934, un equipo francés pon a punto e instala o radar en barcos e en estacións terrestres, utilizando aparellos concibidos precisamente segundo os principios enunciados por Tesla. O radar foi de gran axuda para os ingleses previren durante a segunda Guerra Mundial os ataques aéreos dos alemáns.

Avión de despegue vertical

Como non podía ser menos, a idea dunha aeronave preparada para o despegue e aterraxe vertical foi ideada por Nikola Tesla. Este chamábase Flivver e patentouno en 1928. Era un pequeno aeroplano que despegaba como un helicóptero e logo rotaba a hélice para voar horizontalmente (como fai o actual avión militar Osprey). Ademais, predixo (antes de que ninguén soñase con iso) o desenvolvemento dos motores a reacción.

O raio da morte

Afogado polas débedas e imposibilitado de continuar co seu proxecto da transmisión de electricidade sen fíos, nos 30s, Tesla intentaría buscarlle unha aplicación militar aos descubrimentos realizados coa súa fatídica Torre Wardenclyffe.
Desta maneira pasa varios meses ideando a maneira de enfocar eficientemente un raio de partículas macroscópicas, o cal, montado nunha torre ou nun aerostático, podería sementar o terror nos exércitos inimigos. Tras preparar un detallado documento, Tesla presentaría o proxecto a varias compañías e departamentos de guerra das distintas potencias, como o “US War Department” e as distintas ramas do exército do Reino Unido. Sen embargo, a súa investigación sería catalogada como “os delirios dun tolo”e un “gasto de diñeiro pertencente a un cómic de ciencia ficción”. Deberon pasar varias décadas ata que as ideas de Tesla fosen tomadas con seriedade e nacesen así os electrolásers.
Como curiosidade, no ano 1987, Rusia dixo posuír un raio electromagnético cuns efectos moi similares ó que Tesla describe que pode provocar o seu raio. O líder da ultradereita rusa, Valentín Zhirinovsky, ameazou a occidente con utilizar “o raio da morte” capaz de destruír todas as forzas da OTAN que operaban contra Serbia durante a crise dos Balcáns. A ironía do destino quixo que o ruso ameazara con usar por primeira vez a arma na terra que viu nacer ao seu mentor. Fontes da intelixencia occidental apuráronse a desmentir que existise unha arma semellante, pero a prensa rusa deu a coñecer algúns documentos que revelaban que a ex Unión Soviética posuía ese raio desde a década do cincuenta.

Inventos no campo dos automóbiles

Xa nos últimos anos de vida, a falta de liquidez económica para pagar as súas débedas fixo que ocasionalmente vendese os dereitos a terceiros dos seus inventos para que desenvolvesen os seus conceptos. Desta maneira innovadores inventos como o tacómetro de automóbil e unha luz dianteira locomotiva foron vendidos a terceiras persoas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario