16 nov 2010

LDK 59: M2M

O M2M (Machine to Machine) engloba unha serie de tecnoloxías de comunicación máquina-máquina, ben sexa mediante tecnoloxías cableadas ou sen fíos (habitualmente GSM, telefonía móbil). O seu uso está pensado para intercambiar datos entre máquinas para o control e supervisión de procesos automatizados, como as máquinas vending, alarmas, controladores de auga e luz, paneis informativos nas estradas, caixeiros automáticos...

Así, por exemplo, unha máquina vending pode avisar á empresa xestora que ten pouco stock de botellas de auga, aforrando custos de ter que estar mandando a alguén personalmente a supervisala.

Redes

A comunicación M2M pode usar calquera tipo de rede. Entre as cableadas destacan os protocolos RTC e RDSI, pero tamén hai oco para PLC e ADSL; nas redes móbiles GSM e 3G ou WiFi.

O reducido prezo dos SMS fixo que este sistema fora adoptado e hoxe sexa un dos mecanismos máis habituais na comunicación M2M, para o que simplemente fai falla unha tarxeta SIM normal.

Futuro

Hai quen pensa que as aplicacións M2M non deixarán de medrar. Entre estas aplicacións de futuro destaca a de dotar aos automóbiles de caixas negras con GPS e sensores de impacto, para enviar automaticamente ao 112 as coordenadas da posición do vehículo de xeito automático unha vez detectada a colisión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario