15 nov 2010

Sistema Internacional de Unidades

O Sistema internacional de unidades, coñecido como SI, é o nome que recibe o sistema de unidades que se emprega en todo o mundo, agás Estados Unidos, Liberia e Myanmar. O SI creouno en 1960 a Conferencia xeral de pesas e medidas, a cal, inicialmente, contaba con seis unidades básicas: metro, segundo, quilogramo, ampere, kelvin e candela; pero en 1971 engadiuse o mol. A partir destas sete unidades, obtéñense as unidades derivadas, que en moitos casos reciben nome e símbolo propio, como é o caso da forza (newton) ou da presión (pascal), e en moitos outros non, como é o caso da área (m2) ou da densidade. É legal empregar o SI en calquera país do mundo, incluso nos que non está implantado, en moitos outros, o seu uso é obrigatorio. 

Agora imos ver as unidades básicas. Delas, o quilogramo é a única unidade que non se pode definir mediante un experimento, e que se define comparándoa co patrón orixinal.
  • Metro (m). Unidade de lonxitude. Un metro é a lonxitude de traxecto percorrido no baleiro pola luz durante un tempo de  1/299 792 458 segundos.
  • Quilogramo (kg). Unidade de masa. Un quilogramo é unha masa igual á masa dun cilindro patrón que se atopa na Oficina Internacional de pesas e medidas.
  • Segundo (s). Unidade de tempo. O segundo é a duración de 9 192 631 770 períodos da radiación correspondente á transición entre os dous niveis hiperfinos do estado fundamental do átomo de cesio 133.
  • Ampere (A). Unidade de intensidade de corrente eléctrica. Un amperio é a intensidade dunha corrente constante que manténdose en dous condutores paralelos, rectilíneos, de lonxitude infinita, de sección circular desprezable e situados a unha distancia dun metro un do outro no baleiro, produciría unha forza igual a 2·10-7 N·m.
  • Kelvin (K). Unidade de temperatura termodinámica. Un kelvin é a temperatura termodinámica correspondente á fracción 1/273,16 da temperatura termodinámica do punto triplo da auga.
  • Mol (mol). Unidade de cantidade de substancia. Un mol é a cantidade de substancia dun sistema que contén tantas entidades elementais coma átomos hai en 0,012 kg de carbono 12. Cando se emprega o mol, é preciso especificar as unidades elementais.
  • Candela (cd). Unidade de intensidade luminosa. Unha candela é a intensidade luminosa nunha dirección dada, dunha fonte que emite unha radiación monocromática de frecuencia 540·1012 Hz e cuxa intensidade enerxética nesa dirección é de 1/683 W·sr.

Cómpre dicir que aínda que moitos dos símbolos proveñan das abreviaturas de nomes, son símbolos e non abreviaturas, e por tanto non se pon punto ao final dos mesmos. Imos ver algunha norma ortográfica máis:
  • Os símbolos escríbense como están definidos. Exemplo: m para metro, e non ml (metro lineal) ou s para segundo, e non sg ou seg.
  • Cando se expresa o valor en letras, a unidade tamén. Exemplo: oito segundos.
  • Déixase un espazo entre o valor numérico e o símbolo. Exemplo: 58 Hz.
  • Cando a unidade provén dun nome propio, o símbolo vai en maiúscula. Exemplo: 23 Pa (Pascal).
  • Cando a unidade provén dun nome propio, a escritura realízase igual có nome propio, pero en minúsculas. Exemplo: newton ou hertz.
  • Os símbolos non se expresan en plural. Exemplo: 20 m e 18 kg, e non 20 ms nin 18 kgs.
  • Os nomes das unidades toman unha s no plural, salvo que rematen en s, x ou z. Exemplo: segundos ou hertz.

O uso do sistema internacional de unidades facilitou a colaboración entre científicos de diversos países, aínda que a súa asimilación produciu certos problemas coma o caso da Mars climate orbiter, unha sonda que lanzou a NASA coa finalidade de estudar o clima en Marte e que se estrelou debido a un erro de conversión de unidades entre equipos que empregaban sistemas diferentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario