26 nov 2010

Fibrocemento e GRC

Como xa explicamos, un conglomerante é un material capaz de unir fragmentos dun ou varios materiais e dar cohesión ao conxunto mediante transformacións químicas que orixinan novos compostos. Pero os conglomerantes por si mesmos non os podemos empregar directamente para a construción, para iso é preciso mesturalos con outros compoñentes para obter materiais coas características que precisamos, de maneira que segundo os materiais que empregamos nas mesturas que facemos, podemos obter diferentes materiais. Imos ver que compostos podemos obter grazas ao cemento, e algún uso dos mesmos:

  • Coada: Cemento e auga. Emprégase para encher as xuntas que existen entre baldosas ou azulexos.
  • Morteiro: Cemento, árido fino e auga. Emprégase para tomar ladrillos ou facer revestimentos.
  • Formigón: Cemento, árido fino, árido groso e auga. Emprégase para facer estruturas resistentes.

En moitos casos, a estes materiais engádenselles, ou mestúranselles outros materiais. Un caso coñecido é o do formigón, ao que ademais da mestura mencionada, engádeselle aceiro para facer formigón armado ou pretensado, e desta maneira teña unha maior resistencia á tracción. Outro material que se obtén engadíndolle un material a unha das mesturas xa mencionadas é o fibrocemento, maioritariamente coñecido polo seu nome comercial: Uralita. Este material obtense da mestura do morteiro con fibras que lle confiren a este unha maior resistencia á tracción, e emprégase principalmente en pranchas onduladas para a formación de cubertas e como revestimento de fachadas de pouco valor estético. Ademais destes usos, tamén se empregan para canalizacións e depósitos de almacenaxe de auga. 

As pezas de certa antigüidade son perigosas por conteren amianto na súa composición, polo que para a manipulación dese tipo de materiais fai falta un equipo de man de obra especializado e cunhas condicións de seguridade especiais. De todos os xeitos, non vos debedes preocupar, xa que o problema non o provoca o material colocado, senón a súa manipulación e a inhalación do composto canceríxeno debido á inhalación do po que se produce na perforación ou no corte do mesmo.

Outro material derivado e menos coñecido é o GRC (Glass fiber Reinforced Concrete), un formigón moi fino ao que se lle engaden fibras de vidro. Este material úsase principalmente na composición de fachadas lixeiras e preséntase de dúas maneiras para ser colocadas sobre unha subestrutura metálica:

  • Panel sandwich: é un panel composto de tres capas, dúas exteriores de GRC e unha interior de illante.
  • Panel studframe: é un único panel de GRC sobre o que se proxecta unha capa de illante pola parte interior que despois será tapada por un tabique.

Outra aplicación, esta xa un pouco máis extravagante e menos coñecida, é o formigón translúcido, un formigón ao que se lle engade fibra óptica para permitir o paso da luz a través do mesmo. Como podedes observar, a partir de materiais tradicionais, e cunha pequena modificación, pódense obter novos materiais con novas características para novas utilidades.

Imaxe: Make Magazine.

No hay comentarios:

Publicar un comentario