27 oct 2010

Nikola Tesla II: Tesla, Edison e o FBI: Tesla nos Estados Unidos (por Isaac Manteiga)

Este é o segundo post da serie sobre Tesla. Neste post trataremos a súa viaxe aos EEUU e a súa particular relación con Edison. Tendes a primeira entrada aquí.

Os primeiros contactos

Durante os seus estudos na Universität Graz, o seu profesor de física preséntalle un aparato de corrente continua que funciona á vez como un motor e como unha dínamo. A desvantaxe é que esta máquina produce moitas chispas. Tesla analízaa e propón a substitución da corrente continua por corrente alterna, o que segundo o profesor levaría a obter o movemento perpetuo, (que como sabemos é imposible). A idea de transformar esta máquina non o abandonará: “Para min é un voto sagrado, unha cuestión de vida ou morte. Sei que morrerei se fracaso. No fondo do meu cerebro atópase a solución pero aínda non a consigo expresar”.

En 1882 Tesla trasladouse a París, para traballar como enxeñeiro na “Continental Edison Company” (unha das compañías de Thomas Alva Edison), deseñando melloras para o equipo eléctrico traído do outro lado do océano grazas a Edison.

No ano 1882, nunha conferencia no “Instituto Americano de Enxeñeiros Eléctricos”, Tesla revela a invención do motor de corrente alterna. As súas aplicacións prácticas revolucionarían o mundo tecnolóxico. Tesla acaba de descubrir un novo sistema, o principio do campo magnético rotativo. Este está xerado por correntes alternas, en número de unha ou máis, desfasadas unhas en relación ás outras. Acababa de inventarse o motor de corrente alterna.
Nos meses posteriores a esta conferencia, Tesla aplícase totalmente ao obxectivo de inventar novas formas de máquinas de corrente alterna.

Tesla entón ponse en contacto con Edison, tras enviarlle unha carta de recomendación de Batchelor, un antigo empregado de Edison, onde escribiu, "Coñezo a dous grandes homes, vostede é un deles; e o outro é este rapaz".

Desta maneira decide embarcar con moi poucos cartos (na súa biografía conta que desembarcou con tan só 4 centavos no seu peto, xa que na viaxe lle roubaran a equipaxe) e probar sorte para traballar con Edison nos Estados Unidos, na cidade de Nova York.


Viaxe a Estados Unidos e traballo con Edison

Edison, que acababa de crear a rede eléctrica que subministra a cidade de New York, aceptou o ofrecemento de Tesla. Esta rede, baseada na corrente continua, sofre importantes deficiencias de funcionamento: frecuentes accidentes, avarías regulares, varios incendios causados pola electricidade… Ademais, a corrente non pode ser conducida a longas distancias (só ata dúas millas), xa que as liñas non poderían soportar tensións elevadas, indispensables para transmisións afastadas. Era necesaria unha central cada dúas millas.

Deste xeito, Tesla empezou a traballar para Edison como un simple enxeñeiro eléctrico e progresou rapidamente, resolvendo algúns dos problemas máis complicados da compañía. Ofrecéuselle incluso a tarefa de redeseñar completamente os xeradores de corrente continua da compañía de Edison.

Tesla intervén entón falando do seu motor de indución de corrente alterna, que segundo el é a tendencia do futuro: “Quen desenvolva esta técnica, será rico”. Edison non está de acordo.
Tesla afirmaba que lle ofreceron 50,000 dólares americanos (aproximadamente 1,1 millóns dólares americanos de hoxe en día) por redeseñar os ineficientes motores e xeradores de Edison, mellorando tanto o seu servizo como a súa economía. En 1885, cando pregunta polo pago polo seu traballo, Edison replica, "Tesla, vostede non entende o noso humor estadounidense", rompendo así a súa palabra. Cun salario de só 18 dólares americanos á semana, tería que traballar 53 anos para reunir os cartos que lle foran prometidos. Tesla renunciou ao seu emprego de inmediato cando se lle denegou un aumento de 25 dólares americanos á semana, aínda que necesitado de traballo, tivo que traballar cavando foxos para a compañía de Edison por un pequeno período de tempo, o que aproveitou para concentrarse no seu sistema polifásico de corrente alterna.

A guerra das correntes

En 1886, un grupo de financeiros, conscientes do potencial económico, proponlle a Tesla que funde unha sociedade. Desgraciadamente os primeiros investidores non estiveron de acordo cos plans para o desenvolvemento dun motor de corrente alterna e finalmente relevárono do seu posto na compañía. Desta maneira traballou como obreiro en New York de 1886 a 1887 para manterse e reunir capital para o seu próximo proxecto.



En 1887, Tesla construíu o primeiro motor de indución, sen escobas alimentado con corrente alterna, que presentou no “Instituto Americano de Enxeñeiros” en 1888. No mesmo ano, desenvolveu o principio da súa bobina de Tesla, e comezou a traballar con George Westinghouse na “Westinghouse Electric & Manufacturing Company's” nos laboratorios de Pittsburgh.

Westinghouse escoitou as súas ideas para sistemas polifásicos, que poderían permitir a transmisión de corrente alterna a longa distancia.

En 1888 asiste á primeira inauguración comercial do sistema de corrente alterna. O seu motor de indución é rapidamente recoñecido como un elemento de nova tecnoloxía. Westinghouse, o rival directo de Edison, soña con abastecer a Estados Unidos coa corrente alterna, e firma un contrato con Tesla, en calidade de consultor. Iníciase unha loita titánica entre Westinghouse-Tesla e Edison, que se decanta a favor de Westinghouse-Tesla.

Non obstante, Edison aínda trataba de disuadir á xente da teoría de Tesla mediante unha campaña para fomentar ante o público o perigo que corrían ao utilizar este tipo de corrente, da cal formou parte o invento da cadeira eléctrica por parte de Harold P. Brown, un empregado de Thomas Edison contratado para investigar a electrocución.

Desta maneira comezou o que se coñece como a "guerra das correntes" entre os dous inventores. En 1893 fíxose en Chicago unha exhibición pública da corrente alterna, demostrando a súa superioridade sobre a corrente continua de Edison.

Na “Exposición Universal de Chicago” en 1893, constrúese por primeira vez un edificio dedicado a exposicións eléctricas. Neste evento, Tesla e George Westinghouse presentáronlles aos visitantes a alimentación mediante corrente alterna que foi usada para iluminar a exposición. Exhibíronse lámpadas fluorescentes e lámpadas de Tesla dun só nodo.

Neste mesmo ano, Westinghouse anuncia que a súa empresa acaba de obter o contrato de instalación de toda a infraestrutura eléctrica. En breve usarase exclusivamente a corrente alterna de Tesla, tan calumniado. Toda a electricidade utilizada no mundo naquela época será producida, transmitida, distribuída e transformada por medio do sistema polifásico de Tesla. A transmisión da corrente a centenares ou miles de quilómetros xa non será un problema. As dúas primeiras fábricas xeradoras de corrente sobre o Niágara construíronse a partires de outubro de 1893, unha delas directamente sobre as cataratas do Niágara. A primeira quedará concluída en 1896, e alimentará a cidade de Buffalo.



En New York os tranvías e os metros funcionan con corrente alterna, e a electrificación das vías de tren está en camiño. A industria metalúrxica tamén necesita altas tensións que só a alterna pode proporcionar, asístese entón a un desenvolvemento fulgurante da aeronáutica. A electricidade permite dispoñer dunha grande enerxía mecánica, calorífica, electromagnética, o que conducirá a unha extraordinaria revolución para a industria.

En 1906 Tesla inventa unha turbina de 4,5 Kg. e 30 cabalos de vapor. Tesla pensa que podería rebaixar o custo da electricidade, dado o seu baixo custo de fabricación en relación ao que se facía naquela época.

Tesla foi considerado dende entón o fundador da industria eléctrica.

Incautación dos seus documentos

No ano 1943, cando Tesla morreu só e arruinado nun hotel en New York vítima dun ataque cardíaco o Goberno dos Estados Unidos, da man do FBI, interveu tódolos documentos do seu despacho, nos que constaban os seus estudos e investigacións.

Xa antes da súa morte a intelixencia alemá roubara unha boa cantidade de documentos de investigación de Tesla. Iso era un dato coñecido para o FBI quen, despois da morte do xenial inventor, se quixo asegurar de que ningunha investigación ou documento de Tesla máis se filtrase a potencias estranxeiras.

Moitos deses documentos, en caixas que quedaran en hoteis onde Tesla viviu toda súa a vida, como o “Regis”, o “Governor Clinton Hotel” ou o “Waldorf Astoria”, foran vendidos en poxa por parte dos hoteis para pagar os gastos pendentes de Tesla tras a súa morte. Tesla nunca casou nin comprou unha casa. Dedicou toda súa a vida ata o final á investigación e viviu en hoteis a maior parte da súa vida.

Algúns destes diarios chegaron a coñecerse polas persoas que tiveron acceso a aquela documentación.

Anos máis tarde, a familia Tesla e a embaixada iugoslava lograron recuperar o material incautado que hoxe en día se atopa exposto no Museo de Nikola Tesla.

No hay comentarios:

Publicar un comentario