16 oct 2010

LDK 46: Falan diferente os homes e as mulleres? Apuntamentos sobre a conferencia da Prof. Curzan

O pasado mércores dia 13, a profesora Anne Curzan ofreceu unha conferencia na Facultade de Filoloxía da Coruña titulada "Language and Gender: How different are men and women?"

Na conferencia, entre outros temas, trataronse os habitos conversacionais de homes e mulleres, e a diferencia entre estos.

Primeiro, Curzan refutou un dos tópicos máis frecuentes sobre as mulleres: As mulleres non falan máis que os homes. Diversos estudos realizados entre universitarios amosan que a media é similar en ambos sexos: unhas 16.000 palabras ao dia. Porén, a percepción popular pode ter unha explicación: Aos homes parécelles que si falan mais. Así, noutro experimento realizado nunha aula, amosouse que os estudantes homes ocupaban unha media de 2/3 do tempo, por un tercio das mulleres. Ao incrementarse intencionadamente a porcentaxe de tempo que falaban as mulleres ao 50%, a percepción dos seus compañeiros homes era que as mulleres falaran moito máis da metade do tempo.

A seguir, Curzan tratou os trazos que se teñen tentado definir para a linguaxe feminina, algúns dos cales son dubidosos.
Entre estes trazos estarían o uso de construcións evasivas ("hedges"), as formas hiper-formais, o uso de adxectivos e adverbios baleiros (tan, fantástico...), a hipercorrección, a citación textual (en vez da paráfrase), a existencia de léxico específico (máis nomes de cores), ou, xa en inglés, o uso de question tags e a entonación interrogativa nas oracións declarativas.
Porén, varias destas características teñense demostrado non exclusivas da linguaxe feminina, mais característicos das formas de comunicación en escenarios nos que o outro interlocutor está nunha situación de maior poder real ou simbólico.

O único estudo baseado en datos empíricos sobre o tema, a obra de Pamela Fishman Interaction: The Work Women do, si amosa certos trazos sobre os hábitos conversacionais de homes e mulleres:

-As mulleres fan dúas veces máis preguntas cós homes.
-As mulleres tenden a usar o canal fático (aham, um...) para dar a entender a súa conformidade ou atención, mentres que os homes explicítana mediante o uso dun turno conversacional (paréceme ben).
-As mulleres introducen máis da metade dos temas de conversación, mais a maioría fracasan; mentres que os homes introducen moitos menos temas, mais a maioría teñen éxito e consiguen ser tratados.
-Os homes e as mulleres dedican ao cotilleo aproximadamente o mesmo tempo.

Porén, estes resultados, que como xa dixemos están baseados en datos empíricos, non deben darnos a idea de que o xénero é a causa desta diferencia. A causa pode estar no rol social ou na posición de poder dos participantes, sendo os trazos femininos non tanto femininos per se como marca de [-poder]. Así, Curzan pon o exemplo da alabanza sobre a forma de vestir. Se ben parece que en igualdade de condicións un home pode dicirlle a unha muller o ben que lle senta un vestido, nunca llo diría a unha hipotética xefa. Así, amósase que o feito de alabar a forma de vestir de outro é algo que só se pode facer desde unha posición de [+poder]. Isto parece indicarnos que a linguaxe "feminina" non é máis que a realización na linguaxe da posición xeralizada, ou, mellor dito, por defecto, de [-poder] que as mulleres, desgrazadamente, aínda viven.

No hay comentarios:

Publicar un comentario