16 oct 2010

Mallando Eventos. SIMO Network 2010 (e VIII): Conclusións

Entrada do pavillón de SIMO Network 2010

Con este oitavo post, rematamos a cobertura especial de Mallando na e-ira en SIMO Network 2010. Foron 3 días intensos nos que quixemos estar presentes en Madrid para poder falar cos responsábeis das diferentes empresas participantes en primeira persoa e ofrecervos a información directamente, sen intermediarios.

O feito de que hoxe en día sexa unha feira totalmente profesional permitiunos coñecer máis a fondo os novos proxectos do sector TIC, xa que cun menor público o tratamento é moito máis persoal, pódense facer demostracións, etc.

Como avanzaba nunha entrada anterior, este ano houbo moito espazo para a computación na nube, pois parece que as necesidades do mercado van nese sentido. De feito, coa chegada da mobilidade a Internet (do "todo o mundo ten un pincho 3G para conectar ao seu portátil"), multiplícanse as posibilidades de traballo en calquera lugar, e é moi cómodo ter todo o que precisas para traballar en calquera computador con acceso a Internet, mesmo independentemente do sistema operativo que teña instalado.

Ademais, sorprenderon as notábeis ausencias das operadoras de telecomunicacións que, sacando o caso de Vodafone, non tiveron o seu stand de rigor, como en edicións anteriores.

Finalmente, destacar o chamado Open Green, un espazo no que se exprimiron as posibilidades do networking e no que as empresas puideron recibir asesoramento sobre marketing tecnolóxico, dar a coñecer a súa tenoloxía, establecer contactos e alianzas... todo o necesario para multiplicar as posibilidades do sector TIC do Estado.

40 páxinas de apuntamentos, 8 GB de multimedia, e moitos quilos de información en dípticos e outros formatos derón pé a esta crónica de 8 entradas. Agardo que vos resultase interesante e entretida.

Xa para rematar, quixera aproveitar para agradecer dende aquí a todas as persoas que nos atenderon na feira e que cederon a súa imaxe para poder facer a crónica o máis multimedia posíbel. Tamén agradecerlle a Carmen Denébola a súa colaboración en todo o tema de imaxe (gravación/edición de vídeo e toma de fotos).

No hay comentarios:

Publicar un comentario