19 oct 2010

LDK 47: Os lobbies

O sistema electoral británico,o first-past-the-post, é complicado, como xa explicamos no seu momento. Non obstante, un dos efectos que ten este sistema é a tendencia a establecer maiorías absolutas, o que permite que a maior parte das leis sexan tramitadas na Cámara Baixa sen problemas para o partido gobernante (non así na Cámara dos Lores, que non son escollidos democraticamente).

Porén, ás veces, se non hai unha maioría absoluta ou se os Membros do Parlamento deciden antepór o parecer dos seus votantes aos do seu partido (algo moito máis frecuente no Reino Unido ca noutros sistemas parlamentarios), hai que chamar a unha división do Parlamento. Este sistema de voto consiste en que os deputados saian dos seus asentos e pasen por unha de dúas portas, a cada lado da cadeira do Speaker (presidente) da Cámara. Na Cámara dos Comúns inglesa, os votantes a favor, ayes, pasan á esquerda do Speaker, e os votantes en contra, noes, á dereita.



As portas polas que pasan os Membros do Parlamento chámanse Lobbies, e dan a dúas estancias abertas ao público, onde os esperan as persoas con intereses na elaboración das leis. Este costume deu lugar, mediante unha metonimia de lugar a actividade, ao termo lobbying, co sentido de influenciar o facer dun Membro do Parlamento, e aos lobbies ou grupos de presión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario