18 oct 2010

Tethering

Denomínase tethering (ou anclaxe de rede), ao proceso de empregar un dispositivo dotado de internet móbil (xeralmente un móbil ou PDA) como pasarela para conectar outro dispositivo non móbil (portátil, computador e sobremesa...) a Internet.

Existen diferentes xeitos de facer isto, ben sexa de xeito cableado (por USB ou cable serie) ou inarámbico (antigamente a través de infravermellos, hoxe en día a través de bluetooth e mesmo creando un punto WiFi).

Os dispositivos con Android 2.2 veñen coa opción de tethering nativa

Vantaxes

O uso de tethering ten moitas vantaxes, entre as que destacan as seguintes:
  • Se un fai un uso puntual de Internet nun dispositivo como puidera ser un portátil, e ten contratada unha tarifa de datos no móbil, é a mellor opción para conectarse.
  • Se se teñen varios dispositivos con acceso a Internet en mobilidade (portátil, tablet e smartphone) e a cada un lle temos unha tarifa de datos co seu cartón SIM para sacarlle o máximo proveito, gastaremos unha chea de cartos. Usando o tethering e tendo unha tarifa que inclúa o suficiente volume de datos para todos os dispositivos, aforraremos bastantes cartos.
  • A túa conexión alternativa. Se che falla a túa conexión habitual (cable ou adsl), tes unha segunda conexión que poder usar, a través de Internet móbil, para non quedarte desconectado.
Pero non todo ían ser vantaxes. Entre as desvantaxes temos:
  • Consumo de batería. Ao usar o noso smartphone como punto de acceso veremos que o consumo de batería é moi importante, reducindo notabelmente a autonomía do dispositivo.
  • Tarifas. Non todas as operadoras permiten o tethering nas súas tarifas de Internet móbil, polo que debemos informarnos sobre o tema antes de facer uso del, non sexa que levemos unha sorpresa na factura.
MiFi vs. tethering

Dun tempo a esta parte popularizáronse uns dispostivos chamados MiFi's, que non son máis ca uns modem USB 3G que crean un punto de acceso WiFi, permitindo a conexión de varios dispostivos.

Os dispositivos MiFi caben nunha man

Logo, poderíamos preguntarnos para que queremos facer uso do tethering se dispomos dun MiFi, que soluciona o problema da multiconexión. Aquí, a resposta sería para gustos.

As vantaxes de usar tethering é que non precisa doutro dispositivo a maiores (nin ter que cargar con el, nin ter que mercalo) e que "sempre" levas contigo o dispositivo de conexion, o smartphone.

Por outro lado, a MiFi ten a vantaxe de que non agota a batería do teu móbil, que é doado de usar (premer o botón e ter internet) e é un dispositivo relativamente lixeiro.

Cal elixir? Na miña opinión, a solución MiFi é útil para un uso habitual da conexión compartida, pero para casos puntuais, o tethering abonda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario