7 oct. 2010

LDK 42: Plurais clásicos

O outro día falabamos das linguas de casos, explicando en que consisten. Un dos trazos que quedan das linguas de casos nos nosos idiomas son os chamados plurais clásicos.

Para comezar, temos que dicir que a evolución dos termos do latín a galego e castelán faise a partir das formas de acusativo. Na primeira declinación, como explicabamos o outro día, esta ten as formas -am no singular e -as no plural, que evolucionan a -a e -as (exemplo: rosam, rosas > rosa, rosas).

Na segunda declinación temos dous modelos. O modelo dos substantivos masculinos é o representado por amicus:

CasoSingularPlural
NominativoAmicusAmici
VocativoAmiceAmici
AcusativoAmicumAmicos
XenitivoAmiciAmicorum
DativoAmicoAmicis
AblativoAmicoAmicis


O modelo dos substantivos neutros está representado pola palabra curriculum:

CasoSingularPlural
NominativoCurriculumCurricula
VocativoCurriculumCurricula
AcusativoCurriculumCurricula
XenitivoCurriculiCurriculorum
DativoCurriculoCurriculis
AblativoCurriculoCurriculis


Así, ao tomar a forma do acusativo, amicum evoluciona a amigo, e curriculum a currículo. Porén, curriculum úsase tamén como cultismo, conservando a súa forma curriculum - curricula, ao contrario que moitos outros nomes neutros que por asimilación acabarían conformándose á forma o - os dos substantivos másculinos da segunda declinación.

Porén, noutros idiomas a evolución é diferente:

En inglés os plurais clásicos afectan a moitos máis nomes:

antenna-antennae (1ª declinación) alumnus-alumni (2ª declinación) etc.

E en italiano, tómase o nominativo como base para a evolución, o que dá a conformacións dos plurais do italiano que coñecemos:

SingularPlural
MasculinoBambinoBambini
FemininoBambinaBambine

2 comentarios:

  1. Continúo coa miña teima. En galego temos un resto curioso. Había palabras en el latin eran neutras e tiña o plural en -A: FRUCTUM 'o froito', FRUCTA A 'os froitos'. En galego temos esa terminación en -a que expresa un colectivo de varias cousas: Apañar a froita, recoller a ferramenta, os córpora lingüísticos, os mass media...
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Media e Corpora son bos exemplos de plurais clásicos "cultos·, que puiden ter explicitado na entrada (moito máis sendo o meu ámbito de estudo a lingüística de corpus).

    Con respecto a froita e ferramenta, teño que dicir que nunca parara a pensar neses termos como colectivos en -a.
    O caso é que ferramenta ten todas as papeletas para ser un caso de evolución directa do latín conservando o -a, pois no diccionario xa aparece como un substantivo de neutro plural (ferramenta-ferramentorum), que adoitaban ter un significado colectivo.
    O de froita xa non o teño tan claro. Pode ser que froito e froita sexan de dous étimos diferentes (fructus-us e fructus-a-um [participio de fruor]). En calqueira caso, se froita vir do segundo tería orixinariamente o significado de "o que se aproveita", "o que dá a terra", polo que sería necesario supór unha especialización semántica posterior.

    A verdade, aínda sendo un ámbito que me interesa, non son especialista en etimoloxía das linguas románicas. A ver se aparece algún ou algunha especialista no particular e comenta ou dá algún exemplo máis. ;)

    Graciñas por comentar!

    ResponderEliminar