8 oct 2010

Centrais de conmutación telefónica. Perspectiva histórica e explicación

Corría o ano 1877 cando Alexander Graham Bell construíu o primeiro teléfono, un aparello a priori moi sinxelo: constaba dun emisor, un receptor e un único cable de interconexión. Xa con isto, tíñase transmisión de voz, mais o certo é que cunha calidade bastante baixa. Sería Emili Berliner quen anos máis tarde melloraría o prototipo de Bell, obtendo maior calidade da voz.

Pero sexamos claros, a idea dun cable de conexión directa era insostíbel e certamente inútil: un teléfono para chamar a un único destino? De aí xurdiu a idea de Edwin T. Holmes, quen construíu a primeira central de conmutación telefónica en 1877.

As primeiras centrais eran lugares aos que chegaban centos de cables de par trenzado, un por cada cliente/abonado. Nelas había moitas empregadas (as centrais telefónicas foron das primeiras empresas de contratación masiva da muller), sentadas unhas ao carón das outras diante dun cadro de distribución telefónico. Dito cadro estaba formado por unha chea de orificios tipo jack (semellantes ás conexións de audio dos mp3), cada un deles representando a fin dunha liña telefónica.

Imaxe dunha central en 1919

Cando o usuario descolgaba o terminal na súa casa, o cadro acendía unha luz e a operadora insertaba un cable no orificio correspondente á dita liña e pechaba o circuíto para responder á "chamada entrante". O usuario facilitáballe á telefonista o número ao que chamar, e esta procedía a ligar as liñas dos dous usuarios. No cadro, unha luz acesa informaba da conexión. Cando se apagaba, significaba que algún dos usuarios colgara, polo que a operadora procedía a desligar as liñas en cuestión.

Este proceso era así cando os dous usuarios pertencían á mesma central, e complicábase cando había que cambiar de central (a operadora repetía a chamada á seguinte central...) ou centrais, de xeito que establecer unha chamada entre as dúas costas de Estados Unidos podía levar até 2 horas.

Este procedemento remataría co invento das centrais de conmutación telefónicas automáticas, fito que se lle debe a Almon Brown Strowger. Grazas a un sistema de marcado podía facer que a chamada conectase co destino de xeito sinxelo.

Cóntase, e cítase en moitas fontes, que a historia de Brown vai máis aló da de simple inventor: resulta que este home era un enterrador en Kansas City, sen relación con compañías telefónicas. Por diferentes circunstancias xurdiulle un competidor no mercado funerario, que lle estaba a levar a clientela até chegar o punto no que apenas recibía chamadas. Intrigado polo tema, púxose a investigar e resultou que a muller do dono da funeraria competente era telefonista na centraliña local, e esta dirixía todas as chamadas á "Funeraria de Brown Strowger" ás do seu marido.

Lenda ou non, o certo é que Brown inventou a central de conmutación automática (que era mecánica e analóxica) e deixou de lado o negocio funerario para centrarse no seu invento e explotar a súa patente. Sen embargo, poucos anos despois vendeu as patentes por 1800 $ para volver ao negocio fúnebre.

Hoxe en día, as funcións das centrais de conmutación telefónica son as mesmas, se ben é certo que a tecnoloxía mellorou moito, facendo que a conmutación sexa moito máis rápida e eficiente.

A cada central ou nodo chegan os bucles de abonado dos usuarios que dependen dela, e aló mesmo realízase a interconexión se ambos usuarios pertencen á mesma central, ou enrútase cara outras centrais no caso contrario. Os nodos atópanse xerarquizados, sendo os máis próximos ao usuario "os de acceso", para logo seguir unha xerarquía xeográfica (barrio ou concello, comarca, provincia...) para facilitar a interconexion entre eles e con outros operadores con rede.

En canto ao equipamento co que se dota unha central están os propios equipos de conmutación e de transmisións (ambos organizados en racks, polo xeral), repartdiores de cable e outros sistemas auxiliares (equipos para a ventilación, baterías... [lembrades o post sobre a visita a R?])

Rack nunha central actual

A día de hoxe, toda a conmutación realízase con equipos dixitais, controlados por procesadores que cando reciben o número procésano e xa detectan de que tipo de chamada se trata (local, provincial...) e realizan a conexión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario