9 oct 2010

LDK 43: Vidro e cristal

Popularmente denomínase "cristal" á parte transparente da ventá, cando en realidade un cristal é un sólido homoxéneo que presenta unha estrutura interna ordenada das súas partículas reticulares. Pola contra, o vidro é un material transparente, relativamente duro, resistente, esencialmente inerte e bioloxicamente inactivo, que pode ter superficies moi lisas e impermeables; é por isto último polo que probablemente se confundan ambos térmos, porque lisas lembra e confúndese con ordenadas, aínda que en realidade non ten que ver.

Para obter un vidro corrente, realízase unha mestura de varias materias primas, na que a máis abundante é a area de sílice, un material que pode aparecer na natureza en forma de cristal de cuarzo -estrutura ordenada-. Esta mestura quéntase nun forno ata a fusión de todos os materiais nunha masa amorfa, que posteriormente se mecanizará para deixala arrefriar e obter deste modo un material duro, inerte e impermeable da forma que desexemos, pero no que a súa estrutura interna non é ordenada.

En definitiva, a parte transparente da ventá é vidro, xa que non garda unha estrutura ordenada das súas partículas reticulares para poder denominala cristal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario