15 oct 2010

Cimentacións superficiais

As cimentacións ou fundacións son a parte da estrutura que serve como base, a encargada de transmitir as cargas da edificación ao solo, e tradicionalmente clasifícanse en tres categorías: superficiais, semiprofundas e profundas.

A cimentación superficial é a máis simple, emprégase cando atopamos un estrato suficientemente resistente a pouca profundidade, é dicir, cando construímos sobre un terreo de calidade un elemento de pouco peso. Este grupo de cimentacións subdivídese á súa vez en zapatas e lousas de cimentación.

Unha zapata xeralmente é un prisma de formigón armado cunha das dimensións sensiblemente máis pequena cás outras dúas, e sobre o que vai apoiado un piar. As zapatas que mellor funcionan son as centradas, é dicir, nas que o centro de masas do piar cae no centro xeométrico da zapata, pero en moitos casos isto non é posible debido a que que algúns edificios van contra outros, e por non poder escavar en terreo alleo, o que se fai é arrimar o piar a unha cara da zapata para construír deste modo unha zapata medianeira. Se a zapata ten excentricidade -distancia entre os eixes do piar e da zapata- en ambos os dous sentidos, diremos que nos atopamos ante unha zapata de esquina. Na imaxe seguinte a zapata B2 é centrada, as A2, B1, B3 e C2 son medianeiras, e as A1, A2, C1 e C3 son de esquina.


As zapatas que acabamos de presentar denomínanse zapatas illadas por soster cada zapata dun só piar, pero nalgún caso no que dous piares se atopen moi xuntos, e a distancia entre zapatas sexa moi pequena, ou simplemente se solapen, constrúese unha soa á que lle chamaremos zapata combinada. Os casos nos que as zapatas de cálculo queden moi próximas pasan a ser zapatas combinadas debido a que é moito máis fácil, rápido e económico facer unha única escavación, e non encofrar as dúas por separado.

A partires de aquí, se en vez de ter dous piares nunha zapata temos máis, pasa a chamarse zapata corrida baixo piares, aínda que tamén pode ser zapata corrida baixo muro. Se temos zapatas corridas en dúas direccións será unha grella de cimentación, e se decidimos formigonar os buratos da reixa pasaremos a ter unha lousa de cimentación, é dicir, un elemento plano e continuo sobre o que se apoian os piares da edificación.


As cimentación superficiais son as máis básicas e probablemente as máis empregadas nas construcións convencionais. En posteriores entradas veremos que son e cando se empregan as cimentacións semiprofundas e as profundas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario