1 oct 2010

As linguas de casos

Estamos acostumados a que na meirande parte das linguas coas que temos contacto (galego, español, francés, inglés...) as relacións sintácticas sexan expresadas fixándonos en poucos elementos: A concordancia entre o suxeito e o verbo, a voz do verbo (activa ou pasiva), a orde dos constituíntes e a presencia de preposicións.

Tomemos como exemplo esta secuencia:

En decembro, Xan deulle á filla de Carlos un cadro para que o pendurara na parede.


Nesta secuencia podemos distinguir o suxeito Xan porque concorda en número e persoa co verbo e porque aparece en primeiro lugar despois da coma. O outro constituínte sen preposición é o obxecto directo (un cadro), que tamén pode ser recoñecido por ocupar o posto de suxeito ao transformar a oración a pasiva ou mediante substitución preposicional. O obxecto indirecto é o constituínte que está introducido pola preposición "a", á filla de Carlos, que ten un complemento do nome introducido por "de", de Carlos.
Os outros dous constituíntes, introducidos por preposicións, implican o tempo da acción (En decembro) e a finalidade da acción (para que o pendurara na parede). Nesta subordinada tamén temos outro constituínte indicando lugar (na parede).

Así, vemos que unha vez determinadas os constituíntes que ocupan as categorías de suxeito, verbo e obxecto directo, todas as demais categorías son determinadas por unha preposición ou outra.

Porén, non todas as linguas do mundo seguen este patrón para establecer as relacións sintácticas. As linguas de casos, como o latín ou o alemán, empregan outra estratexia para marcar as relacións sintácticas, o que chamamos habitualmente casos.
A marcación das relacións sintácticas por casos consiste na expresión da función sintáctica dunha palabra mediante a modificación da raíz desa palabra coa adición de prefixos ou sufixos. Isto da lugar ás chamadas declinacións. Tomemos o exemplo da primeira declinación do latín:


CasoSingularPlural
NominativoRosaRosae
VocativoRosaRosae
AcusativoRosamRosas
XenitivoRosaeRosarum
DativoRosaeRosis
AblativoRosaRosis


Así, vemos como a raíz, a palabra rosa, é modificada dependendo da súa función sintáctica como medio de expresala. Así, se quixésemos falar de "A espiña da rosa" non diriamos "da rosa", cunha preposición, senón "rosae", modificando a raíz. Cada caso expresa unha relación sintáctica determinada:

O nominativo marca principalmente o suxeito, mais tamén o atributo nas construcións copulativas.
O vocativo emprégase cando se chama directamente a alguén.
O acusativo marca o obxecto directo.
O xenitivo marca o complemento do nome.
O dativo marca o obxecto indirecto.
O ablativo marca relacións circunstancias, como o movemento, a posición, etc.
O latín, ademais, tamén tiña preposicións, que combinaba cos casos acusativo e ablativo para marcar outras relacións circunstanciais.

A marcación da relación sintáctica mediante casos permite que a posición das palabras na oración sexa cuase-libre, o cal foi utilizado para crear complicadas construcións sintácticas que foron empregadas na literatura clásica, e especialmente na poesia. Podemos ver un bo exemplo neste fragmento, o primeiro verso dunha fábula de Fedro:

Peras imposuit Iuppiter nobis duas

Alforxas(O.D.) deu(vb.) Xupiter(sux.) a nós(O.I.) dúas(O.D.)

"Xúpiter deunos dúas alforxas"

No hay comentarios:

Publicar un comentario