15 sept 2010

Tipos de antonimia

Se falamos de antonimia, probablemente todo o mundo saberá exemplificar cunha parella de antonimos (grande-pequeno, vida-morte), mais non todo o mundo saberá definir exactamente o que é.

A antonimia está baseada nunha relación de incompatibilidade entre os significados. Entendemos por incompatibilidade o tipo de relación paradigmática pola cal a presenza dun elemento ocasiona a imposibilidade da presenza dun outro elemento, co que dicimos que é incompatible.

Ao longo da primeira parte do século XX xurdiu unha discusión sobre as diferencias entre dous tipos de relacións paradigmáticas: as relacións baseadas no principio de co-aparición, chamadas por Saussure asociativas, e as baseadas no principio de incompatibilidade, chamadas paradigmáticas:
Así, ser de raias e ser negro son dúas propiedades dun xersei, que poden aparecer nos mesmos lugares (co-aparición):
O xersei é negro.
O xersei é de raias.

O xersei negro.
O xersei de raias.
Porén, de raias e negro non son considerados antónimos, pois a existencia do primeiro non impide a do segundo.
O xersei de raias negro.
Dicimos entón que de raias e negro están nunha relación asociativa.

Alto e baixo, pola súa parte, si forman unha relación de incompatibilidade:
*O neno alto baixo
*O neno é alto baixo
Así, alto e baixo son incompatibles e están nunha relación paradigmática.

Distinguimos, entón, tres tipos de relacións de incompatibilidade como antonimia:

A antonimia privativa ou complementaria é aquela na que unha palabra presenta un trazo significativo distintivo e o seu antónimo presenta a carencia dese trazo:
O vello está vivo [+vida].
O vello está morto [-vida].

É de dia [+ luz].
É de noite [- luz].

A antonimia recíproca ou de inversión é aquela na que os dous termos, ademais de ser incompatibles, presentanse nunha relación de reciprocidade, é dicir, a existencia dun dos termos é necesaria para a existencia do outro.
Nai-filla (e todas as relacións de parentesco recíprocas) [Non se pode ser filla sen ter nai e viceversa].

Mercar-vender [Para alguén mercar ten que haber alguén vendendo, e viceversa].

A antonimia gradual ou escalar é a que se establece entre dous extremos ou dous puntos opostos dun continuo:
Calor-frio [extremos do continuo temperatura]
Longo-curto [extremos do continuo lonxitude]

Podemos facer a proba de incompatibilidade e veremos como todos eles resultan incompatibles e non poden co-aparecer.

Porén, hai outro tipo de relación de incompatibilidade que non é considerado antonimia:
Isto é unha rosa.
Isto é un caravel.
Esta parella amosa unha relación de equipolencia: a relación entre os membros dunha categoría de máis de dous membros que comparten un trazo común diferenciándose por varios trazos diferentes. Así, rosa e caravel pertencen á categoría flores, igual que as margaritas e as hortensias, mais non son antónimos.

Así, podemos definir a antonimia como a relación entre dous (e só dous) termos, pola cal a presenza dun deles nun enunciado impide a presenza do outro para referirse á mesma realidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario