7 sept 2010

Mallando na e-ira en R. Crónica da visita

Exteriores do Edificio R, no Polígono da Grela

O pasado venres visitamos as instalacións técnicas que R, o operador galego de fibra óptica, ten no Polígono da Grela, na Coruña.

A visita comezou cunha presentación por parte de David, do Departamento de Marketing, na que se amosaba que é R e algunhas cifras da compañía.

R en cifras.

Segundo nos din, R está presente en 74 localidades e 22 polígonos industriais galegos e conta con 255.904 clientes, dos cales un 77% son fogares e un 23% empresas. En móbil, ten 78.060 liñas activas. [Datos de xullo]

No eido económico, levan investidos máis de 700 millóns de euros en infraestrutura. Ademais, dende R aseguran que a chegada da inversión de CVC é unha aposta de futuro e garante de inversión. O 37% dos ingresos son polas empresas e chegar a cada cliente custa 3.000 €.

R é o primeiro operador do Estado en ofrecer 100 Mb de velocidade en Internet, xa dispoñíbeis no 70% da súa rede.

A visita

Logo da presentación coas cifras de R, presentóusenos en directo qué é unha conexión de 100 Mb e que podemos facer con ela. Alén do test de velocidade de demostración, puidemos comprobar a case inmediata carga dun vídeo en alta definición en streaming, á vez que se descargaba unha distribución de Ubuntu de 700 MB en apenas 3 minutos. Sen dúbida, un produto para poder sacarlle o máximo partido a unha conexión de Internet.

A continuación, guiados por Manuel, Responsábel de Enxeñaría de Datos, achegámonos á Sala de Xestión de Rede, o lugar dende onde se controlan e resolven as posíbeis incidencias da rede. Unha curiosidade sobre este espazo é que alén das medidas técnicas de control tamén é preciso contar con medios humanos. Por exemplo, no caso da televisión, ás veces o único xeito de recoñecer un problema é ao ver algo anormal na transmisión (pantalla en negro... etc).

Sala de xestión de rede

Logo disto, baixamos até un dos lugares críticos dun operador: a sala de baterías. Trátase do lugar no que están as baterías que permiten que os equipos non se apaguen cando haxa cortes de electricidade/corrente. Estas baterías, que están permanentemente conectadas aos equipos, teñen unha autonomía de entre 6 e 8 horas e traballan entre o momento do corte de suministro e o momento no que os dous grupos electróxenos dos que dispón R funcionan xa a pleno rendemento.

Puidemos distinguir entre 2 tipos de baterías: unhas orientadas a abastecer ao equipamento de telecomunicacións, que funciona a -48 V, e outras que aportan 220V.

A visita continuou pola central de conmutación telefónica analóxica, con capacidade para 200.000 liñas (toda a zona norte). Na mesma sala tamén estaba a conmutación de voIP, servizo que polo de agora só se oferta en empresa, e de móbil. Un dato curioso desta sala
é o método antiinciendios, un sistema que sustitúe o aire da sala por un gas inerte eliminando deste modo o comburente, e que ao contrario dos sistemas tradicionais de auga, non deteriora os equipamentos non afectados directamente polo incendio..

Interior dunha sala técnica

De seguido, accedimos a un dos nodos. A rede de R dispón de nodos primarios (acceso a 40.000 vivendas/empresas), nodos secundarios (acceso a 2.000 vivendas/empresas) e nodos finais (acceso a 500 vivendas/empresas). O que é sinal de televisión e Internet, fai o percorrido por toda a rede (dende o nodo primario até o final), mentres que o teléfono vai directamente ao nodo secundario. Como exemplo, A Coruña conta con 4 nodos primarios.

Explicáronnos tamén como é o proceso dun aumento de velocidade; éste ten unha parte manual que hai que facer en máis de 5.000 nodos. Ista é a razón que xustifica que o proceso sexa algo lento e que os novos clientes poidan contratar directamente a nova velocidade, xa que non lles hai que facer o cambio.

No que ten a ver co sinal de televisión, contáronnos que seguen a transmitir a televisión en analóxico (para que os clientes do combo1 e combo3 non tiveran que adaptarse), e que tamén o fan en dixital, coa vantaxe de que nos 8 MHz que antes ocupaba unha canle, agora poden ir 5 ou 6. Ademais, antes contaban cunha cabeceira de televisión en cada cidade, pero agora só na Coruña, polo que se unha canle que ofrece R só se recibe nun lugar (por exemplo, Telemiño), envíase polo anel de fibra que une as cidades e modélase nos nodos primarios, para que en cada domicilio o cablemoden se quede coas frecuencias de Internet e o decodificador coas de televisión.

A visita continuou no edificio do Datacenter de R, onde Alberto explicou en que consistía. Trátase dun servizo orientado a empresas que lles permite dispór de servizos como albergue de servidores, hospedaxe web, solucións de correo, bases de dato, backup... coa vantaxe de poder integrar o datacenter na rede LAN da empresa a velocidades de 10 Gbps simétricos e sen ter que preocuparse de ter todas esas cousas nas súas instalacións.

Interior do Datacenter de R

Finalmente, voltamos ao edificio R, onde puidemos charlar de xeito distendido cos responsábeis do operador; de dita charla, podémosvos adiantar o que segue.

Alta definición. Non é prioridade

Haberá alta definición na Televisión con R, se ben é certo que isto non é a prioridade máis inmediata por ser un servizo de valor engadido que ten como nicho de clientes unha porcentaxe baixa. Por iso, e tendo en conta a pouca oferta de canles que ofrecen televisión en HD (así como tamén a non universalización de aparellos compatíbeis), prefiren levar a cabo proxectos que beneficien á maioría de clientes, como pode ser o caso da suba de velocidade.

Neutralidade e tarifas planas ilimitadas

Preguntados polo tema da neutralidade da rede, os responsábeis de R afirmaron que están a favor da neutralidade da rede e defenden o dereito dos usuarios a facer "o que queiran" coa súa conexión. Así mesmo, lembraron que xa tiñan falado do tema no blogue: "Para R nunca haberá clientes de primeira ou segunda [...]. Non limitaremos o acceso á rede, a unha web ou a determinados contidos [...] xa que iso sería botar por terra a propia idea de Internet de R: unir, salvar as distancias xeográficas e económicas e contribuír a que todo o mundo teña acceso a contidos e ao coñecemento".

Sobre o debate xerado estes días a partires das declaracións de Movistar - no Encuentro de las Telecomunicaciones de Santander - nas que puña en cuestión as tarifas planas ilimitadas, en R reafirmáronse no que xa adiantamos
no noso Twitter: a rede de R está ben dimensionada, polo que soporta perfectamente o volume de tráfico que xeran os usuarios e non se plantexan nin de lonxe facer cambios neste sentido.

Novidadades. O R que vén.

A sección móbil contará nas vindeiras semanas con novidades interesantes, entre as que destacan novas tarifas que levarán incluído tráfico de datos, modificacións nas tarifas de datos (nova tarifa de 500 MB?), e novos terminais, destacando a presenza de 2 Android, un deles o
Samsung Galaxy S.

Ademais, está en marcha o proxecto de creación dunha WiFi de R para clientes por toda Galiza. A idea é que se un cliente ten contratado o servizo WiFi, teña acceso a esa rede nos seus desprazamentos por aqueles lugares onde R dispón de rede, nos que se contarían con puntos de acceso, aproveitando a infraestrutura de cabinas, nodos, bares e comercios...

Agradecementos.

Dende
Mallando na e-ira queremos darlle as grazas a David, Manuel e Alberto, os nosos guías durante a visita, e tamén, de xeito especial, a Óscar (@quecheparece), que alén de acompañarnos durante a visita foi tamén quen organizou todo.

Imaxes.

Podedes ver a galería completa das imaxes clicando aquí

- As imaxes do interior foron cedidas por R.
- A imaxe do exterior foi cedida por Carmen Denébola.

2 comentarios:

  1. Bueno, vexo que apuntaches todo :D

    Nada, pola nosa parte tamén foi un pracer tervos por aquí, que vísedes como é R por dentro e como somos os que traballamos aquí, xente normaliña pero que fai as cousas con ilusión e que lle gusta compartir as cousas cos clientes (ao fin e ao cabo esta tamén é a vosa casa, que para iso tedes o servizo con nós).

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. moi boa reportaxe. grazas

    ResponderEliminar