8 sept 2010

Tractores sobre pneumáticos e sobre eirugas

Cando falamos de tractor, a todo o mundo lle vén á cabeza o tractor agrícola, pero na realidade un tractor é moito máis ca iso, é un vehículo autopropulsado que se emprega para remolcar ou accionar diversas ferramentas. En moitos casos o tractor é independente, como por exemplo nun trailer; e noutros moitos forma xa parte da máquina, por exemplo un bulldozer; pero a diferencia principal radica na súa natureza, e a clasificación realizase en tractores de pneumáticos ou tractores de oeirugas, podendo atopar o mesmo tipo de máquina montado sobre un ou outro sistema.

Comecemos polos pneumáticos, os pneumáticos son elementos toroidais, é dicir, con forma de toro (donut), xeralmente de caucho, que se montan arredor dunha lamia. Tradicionalmente estes pneumáticos están cheos de aire a presión e poden contar ou non cunha cámara. O aire dálles certa flexibilidade e permiten que se acomoden ao terreo, posibilitando deste modo traballos máis rápidos e dinámicos cás eirugas. Estes pneumáticos poden presentarse en diferentes tamaños, dende unha pequena roda de carretilla, até un pneumático dun dumper coma o da fotografía.


Por outro lado temos o sistema denominado de eirugas ou cadeas. Nel as cadeas metálicas van montadas sobre dúas rodas metálicas soportadas pola viga mestra, unha das rodas é lisa e serve de apoio, e a outra é dentada e transmite o movemento. Ademais destas dúas rodas grandes, conta con dous trens de rodas de menor tamaño, un colocado na parte inferior que axuda ao reparto de peso da máquina sobre a cadea, e outro superior, que soamente consta de unha ou dúas rodas e evita que a catenaria sexa excesiva para evitar que se produza roce e, consecuentemente, que se deteriore algún elemento da máquina. 


Non todas as disposicións de eirugas son coma esta, existen casos de certas máquinas de gran potencia nas que as eirugas están en disposición triangular, teñen as rodas lisas nos extremos da base do triángulo, e a roda dentada na parte superior, co que conseguimos que a máquina traballe dende unha posición máis elevada para superar os accidentes do terreo con maior facilidade. Por outra banda, os vehículos militares carecen de viga mestra e de trens de rodas, todo isto é substituído por varias rodas de igual tamaño que permiten a deformación da eiruga e ofrecen unha maior velocidade e manexabilidade moi precisas neste tipo de vehículos, pero diminúen a durabilidade do sistema.

Proximamente amosarémosvos cales son as vantaxes dun e doutro sistema, e para que son empregados. Para rematar, amosámosvos a conversión dun todoterreo convencional nun todoterreo sobre eirugas:


No hay comentarios:

Publicar un comentario