22 sept 2010

Hardware, software ou firmware?

Con esta entrada preténdese pór fin ás posíbeis confusións entre os tres tipos de wares: hardware, software e firmware.

Hardware

O Hardware é un termo inglés que engloba todos os compoñentes físicos que forman parte dun computador ou dispositivo electrónico. En contra do que se poida pensar, a denominación de hardware non se limita só aos compoñentes que fan posíbel o funcionamento (circuítos, placas...), senón tamén ao chasis que garda e protexe todo.

Para ilustrar a definición cun exemplo, nun computador persoal formarían parte do hardware o chasis ou carcasa externa, a placa nai, a fonte de alimentación, os discos de almacenamento, os buses, as tarxetas de rede e son... mais tamén os denominados periféricos, como teclados, ratos, impresoras, monitores, altofalantes etc.

Existen numerosas clasificacións do hardware, sendo as máis destacadas as seguintes:

1.- Segundo a funcionalidade:
  • Básicos: dipositivos mínimos imprescindíbeis para poder traballar: placa nai, fonte de alimentación, microprocesador e memoria.
  • Complementarios: todos aqueles que non son básicos, como a impresora ou unidades de almacenamento. Malia que puidera sorprender, nos complementarios tamén estarían a pantalla, rato e teclado.
2.- Segundo a ubicación:
  • Internos: dipositivos situados dentro do chasis.
  • Periféricos: compoñentes situados fóra do chasis.
  • Portos: puntos nos que se conectan os periféricos ao chasis.
3.- Segundo o fluxo de información do hardware:
  • De saída: monitores, impresoras, altofalantes...
  • De entrada: teclado, rato, micrófono..
  • De almacenamento: memorias, discos duros, unidades de DVD...
  • De comunicación: tarxetas de rede, portos..
  • De procesamento: CPU, microprocesador, placa nai...
Software

Pola súa banda, o software é a parte lóxica que fai posíbel o funcionamento dun computador (ou outros dispositivos electrónicos), realizando tarefas específicas. Neste sentido, o software de sistema (sistema operativo) fai posíbel que o resto de programas poidan funcionar, o software de edición de imaxes permite editar imaxes... etc.

Segundo algúns autores, a definición de software debera incluír non só os programas en si (e a súa parte de deseño en linguaxe de programación), senón tamén o coñecemento da chamada enxeñaría do software, que inclúe toda a información relacionada co deseño de programas, uso de galerías e xestión de proxectos.

O máis habitual é que o software sexa escrito en linguaxe de programación de alto nivel, que é o que máis se achega ao linguaxe humano e resulta máis sinxelo de escribir. Sen embargo, para ser executado débese convertir a linguaxe máquina.

Unha boa clasificación dos tipos de software é a seguinte:
  • De sistema: é o que axuda a funcionar ao hardware e á computadora e inclúe o sistema operativo, controladores de dispositivos e ferramentas de diagnóstico.
  • De programación: proporciona ferramentas de asistencia ao programador, como editores de texto ou compliadores ('programas para facer programas').
  • De aplicación: permite aos usuarios finais facer determinadas tarefas, como os editores de imaxe, procesadores de texo, navegadores, etc.
Firmware

Finalmente, o firmware é un programa gravado na memoria ROM (non volátil nin borrábel) que establece a lóxica de baixo nível, necesaria para o control electrónico dun dispositivo e é unha mixtura entre hardware, por estar integrado na electrónica do dispositivo, e software, porque lle proporciona a lóxica e está programado en base a algunha linguaxe de programación.

Fica presente nunha chea de dispositivos, como nos microprocesadores, unidades de disco, impresoras ou monitores.

Quizáis o exemplo máis significativo sexa a BIOS, que é o firmware que ten como propósito activar o computador dende o seu acendido e preparar o entorno para a instalación dun sistema operativo (por exemplo, Ubuntu).

No hay comentarios:

Publicar un comentario