17 sept 2010

EDGE

GSM, GPRS, 3G, 4G... todas elas son tecnoloxías de telefonía móbil que se empregan hoxe en día e ás que xa estamos afeitos. Sen embargo, hai outras tecnoloxías intermedias menos coñecidas no noso país, pero que existen e é moi probábel que as teñamos usado algunha vez, como EDGE.

EDGE vén de Enhanced Data rates for GSM Evolution, ou Taxas de Datos Melloradas para a Evolución do GSM. Esta tecnoloxía tamén se coñece ás veces como EGPRS (Enhanced GPRS), xa que vén a ser unha tecnoloxía-ponte entre o GPRS e 3G.

Por que se usa esta tecnoloxía?

Pois a resposta é sinxela: porque ten moitas vantaxes, entre as que destacan:
  • Despregamento sinxelo e económico: EDGE é totalmente compatíbel con GPRS, polo que o seu despregamento faise en base a esta tecnoloxía. Deste xeito, o operador propietario das estacións base (antenas) só ten que facer unha sinxela actualización nas mesmas, consistente en instalar transceptores compatíbeis con EDGE.
  • Maior velocidade: quizáis sexa a principal vantaxe para o usuario. Permite velocidades de até 384 Kbps, abonda para vídeo en streaming (con calidade reducida, todo hai que dicilo).
  • Sempre conectado: proporcionan unha conexión constante, o que permite gozar de servizos de actualización reiterada (correo electrónico, servizos push...); ademais, é compatíbel con manter unha chamada ao mesmo tempo.
  • Gran compatibilidade intertecnolóxica: como é compatíbel con outras tecnoloxías, non interfire no despregamento doutras redes, como as 3G.
  • Calidade de Servizo (QoS). EDGE dispón de moitos mecanismos que garanten a calidade de servizo, facendo que cada cliente reciba en todo momento a cantidade axeitada de ancho de banda.
Entre as desvantaxes poderíamos citar que obriga a ter un terminal compatíbel con esta tecnoloxía, é dicir, que dispoña do software axeitado para facer a codificación/decodificación, mais a día de hoxe case todos o son.

Nas últimas semanas, Orange anunciou que melloraría parte da súa rede implementando esta tecnoloxía, para acadar maiores velocidades aló onde inda non chega a súa rede 3G.

No hay comentarios:

Publicar un comentario