18 sept 2010

LDK 34: Voz de Muller, Voz de Home

Por que as voces das mulleres tenden a ser agudas e as dos homes, graves?

Tal e como explicábamos aquí, os sons da fala prodúcense mediante un proceso chamado fonación, que convirte o aire que espiramos, que normalmente non produce son, nun son. Este son prodúcese por unha vibración creada polo movemento das cordas vocais.

As cordas vocais vibran a unha frecuencia determinada chamada Frecuencia Fundamental ou F0. Esta frecuencia ven determinada por unha serie de propiedades físicas do obxecto que vibra, como a súa composición, ou o seu grosor.

Así, a larinxe da muller ten uns 3,6 cm de altura, 4,3 cm de largura e un diámetro anteroposterior duns 2,6 cm; cunhas cordas vocais de entre 1,5 e 2 cm de lonxitude. Os homes teñen unha larinxe de maior tamaño, duns 4,9 cm de altura e largura e un diámetro antero-posterior duns 3,5 cm. As cordas vocais presentan unha lonxitude desde os 2 até os 2,5 cm. (Fonte)

Dadas estas propiedades físicas, as cordas vocais da muller, que ten unha larinxe máis pequena, producen unha voz cunha frecuencia fundamental media duns 250 Hz, mentres que a dos homes, máis grandes, producen unha voz cunha frecuencia fundamental media duns 120Hz, un tono de voz moito máis baixo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario