10 sept 2010

De xenebras e cervexas

A xenebra é unha augardente de cereais aromatizada con cimbro, cuxo nome non ten nada que ver coa cidade de Xenebra (Genève en francés) nin coa raíña Xenebra dos contos artúricos (Guenièvre), senón co nome do cimbro en francés, genévrier ou genever, evolución do latín iuniperu, que dá en inglés juniper e en español enebro.



Porén, a entrada de hoxe centrase máis na historia desta bebida, e particularmente na historia da xenebra en Inglaterra. Aínda que a xenebra era coñecida xa na época clásica, temos que esperar até o século XVI para ver o seu uso xeralizado, especialmente nos Países Baixos, onde se mesturaba con viño e era empregada polas súas supostas propiedades medicinais. Trala Revolución Gloriosa de 1688, pola que se substituiu ao rei James II, católico, polo rei William III de Orange, protestante de orixe holandesa; a xenebra popularizouse en Inglaterra.

Nese momento o goberno británico decidiu impor unha taxa moi gravosa á importación de bebidas alcohólicas (especialmente o brandy francés, coincidindo cunha das múltiples guerras anglo-francesas), mentres que toleraba a fabricación masiva de xenebra en destilerías sen licencia. Isto ocasionou unha popularización moi importante da xenebra, causando un periodo coñecido como Gin Craze, do que podemos citar as tres características máis importantes:

-Desaparece case que totalmente a importación de bebidas alcohólicas do estranxeiro.
-Xorde rapidamente un mercado de gran de baixa calidade para a fabricación de xenebra.
-A cervexa, que necesita dun gran de alta calidade para a súa fabricación, deixa de ser tan rentable.

A xenebra aumentou moitísimo a súa produción (en 1740 producíase seis veces máis xenebra que cervexa) o que, loxicamente, fixo que baixase moitísimo o prezo. As clases máis populares lanzáronse a consumir xenebra e o alcoholismo xeralizouse, especialmente en Londres, causando altos índices de mortandade e unha suba importantísima da criminalidade.

Ao contrario que a xenebra, a cervexa, con menor graduación e cun gran de alta calidade, mantiña a súa alta reputación, pois naquela época considerábase máis sano beber cervexa que auga, pois a auga non estaba tratada e contiña altas cantidades de microbios.

A desputa estaba servida, e entre 1729 e 1751 cinco leis tentaron controlar o consumo de xenebra: Non foi até a última, en 1751, que se conseguiu deter a produción masiva mediante a exixencia da venda en puntos controlados unicamente. A pesar desta batalla lexislativa, probablemente é máis coñecida a batalla das ideas sobre o prexudicial que resulta o consumo de xenebra, especialmente mediante os gravados de William Hogarth.

Hogarth fixo dous gravados, Gin Lane e Beer Street (1751), onde se confrontaban as bondades do consumo de cervexa cos graves prexuízos derivados do consumo de xenebra.


En Gin Lane podemos ver unha imaxe dantesca, con enterros, corpos esqueléticos e homes loitando con cans por ósos. Os únicos negocios que funcionan son a venta de cadaleitos e os prestamistas, mentres os demáis negocios decaen. Especialmente chocantes son as dúas imaxes da maternidade presentes, unha na que unha muller borracha deixa caer ao seu fillo, e outra, en segundo plano, onde outra muller dálle unha copa de xenebra ao seu bebé para que cale.


En cambio, en Beer Street, a xente aparece cun aspecto saúdable, con corpos grosos e carnosos moi ao gusto do canon de beleza da época. Todo o mundo é quen de levar a cabo a súa profesión con forza e ánimo, e a economía parece boiante. Curiosamente, o único negocio que non prospera é o do prestamista, que xa non ten a quen extersionar.


Malia que poida parecer anecdótico, a influencia destes gravados e da campaña contra a xenebra na opinión pública ocasionou unha importante muda das ideas con respecto á xenebra, e unha baixada masiva do seu consumo que non se recuperaría até o reinado da raíña Victoria, máis de 80 anos despois, cos chamados gin-palaces.

No hay comentarios:

Publicar un comentario