4 jul 2010

A linguaxe e o cerebro. I. As áreas de procesamento da linguaxe no cerebro.

Está a linguaxe localizada nalgún punto en concreto do cerebro, ou, polo contrario, é unha capacidade do cerebro en xeral?


En principio, desde o noso punto de vista contemporáneo, na época dos Scaneres e os TACs, parece bastante claro que todos responderíamos a primeira opción (aínda que o procesamento non teña lugar nun punto do cerebro, senón en varios, como explicaremos máis adiante). Porén, no século XIX esta foi unha das grandes controversias da lingüística e da neuroloxía.


Así, produciuse un enfrontamento dialéctico entre dúas posturas: dunha parte, os localizacionistas defendían que cada función cerebral (linguaxe, memoria, percepción sensorial...) tiña unha correlación cunha posición anatómica determinada, isto é, cunha zona ou porción do cerebro. Doutra, os antilocalizacionistas defendían a natureza integral do cerebro, isto é, que non se podían identificar zonas concretas para funcións cerebrais concretas e que todo o cortex cerebral era 'equipotencial'.


En 1861, Paul Broca, un ciruxano francés, descubriu durante a autopsia dun paciente que en vida tivera unha importante dificultade para a produción da fala que este tiña unha lesión no lóbulo frontal do hemisferio esquerdo do cerebro, máis concretamente na zona posterior inferior (ver imaxe). Esta área do cerebro pasouse a chamar Área de Broca, e convertiuse na primeira evidencia de que unha lesión nunha zona específica do cerebro pode ter como resultado un déficit na fala. En 1865, Broca extendeu os seus estudos, verificando que as lesións en puntos específicos do hemisferio esquerdo do cerebro producía dificultades na fala, mentres que as lesións neses mesmos puntos do hemisferio dereito non tiñan estes resultados. Esta foi a primeira proba que amosou a vinculación dun hemisferio cerebral, o esquerdo, a unha capacidade determinada, a linguaxe.


En 1874, Carl Wernicke, médico alemán, descubriu que pacientes con problemas de comprensión da fala presentaban lesións nunha área diferente á de Broca, sitúada na zona posterior do lóbulo temporal esquerdo. Este descubrimento, que reforzou as teorías de Broca sobre a vinculación do hemisferio esquerdo do cerebro coa linguaxe, deu lugar á localización dunha outra zona determinada no cerebro, a Área de Wernicke (ver imaxe).


Como diciamos, estes descubrimentos foron a clave do descubrimento da vinculación entre certas estruturas cerebrais e as facultades da fala e a linguaxe, e de que, para a maior parte dos individuos, o hemisferio cerebral dominante para a linguaxe é o esquerdo. De feito, un 70% dos individuos con lesións no hemisferio cerebral esquerdo experimentan trastornos na fala, por só un 1% dos individuos con lesións no hemisferio dereito. Wada, en 1949, descubriu que a inxección de sodio amobarbital na arteria carótida do lado dominante do cerebro provoca problemas temporais na linguaxe, deseñando así un método para localizar o hemisferio dominante para a linguaxe en pacientes que van ser sometidos a intervencións de neurociruxía.


Aínda en 1959, Wilder Penfield e LaMar Roberts, neurociruxanos do Instituto Neurolóxico de Canadá, deseñaron un novo sistema de representación da capacidade da fala no cerebro. Penfield e Roberts tentaban aliviar a pacientes con ataques graves de epilepsia mediante a extirpación cirúrxica de porcións do cerebro, mais antes da extirpación representaban as funcións cerebrais dos pacientes mediante o uso de electroestimulación, unha técnica que se basea en que a aplicación dunha corrente eléctrica nun punto do cerebro pode activar involuntariamente a función asociada a ese punto. Así, Penfield e Roberts descubriron que ao aplicar unha corrente eléctrica a unha zona cerebral con implicacións na fala ou na linguaxe, o paciente ben tiña dificultades para falar, ben emitía un grito vocálico involuntario, mais nunca palabras intelixibles. A partir desta nova técnica, diferenciaron tres áreas con importancia para a fala e a linguaxe, a área de Broca, a área de Wernicke e a Área motora suplementar, unha zona na parte posterior do lóbulo frontal, xusto díante da cesura central ou de Rolando (marcado na imaxe como SMA, supplementary motor area).
Por se había dúbidas, aínda outro estudio, de Geschwind e Levitsky en 1968, descubriu que nun 65% dos cerebros hai unha zona no lóbulo temporal esquerdo, chamada plano temporal, que é máis grande que a área correspondente do hemisferio dereito, incluso nos cerebros fetais.


Aínda se descubriron máis zonas corticais con cometidos específicos para a linguaxe. Unha delas é a circunvolución angular, situada no lóbulo parietal e que permite interrelacionar as funcións da fala, a lectura e a escritura, mentres que a circunvolución de Helsch, ou córtex auditivo primario, está sitúada no lóbulo temporal.


Por último, tamén é importante para a fala o conxunto de fibras transversais que conectan ambos hemisferios cerebrais entre si a través do chamado corpus callosum. Se ben as áreas de procesamento da linguaxe están situadas no hemisferio esquerdo, é necesario que se produza un intercambio de información entre os hemisferios para que a fala funcione normalmente. Por que é isto? Pois ben, isto é necesario porque o cerebro ten a capacidade de contralateralidade. Isto significa que se sentimos un obxecto na man esquerda, a sensación que sintamos viaxará até ser procesada polo hemisferio dereito do cerebro. Porén, como diciamos, é no hemisferio esquerdo no que se produce o procesamento lingüístico, polo que, aínda que o recoñecésemos co hemisferio dereito, para poder verbalizar o que é teriamos que enviar a información ao hemisferio esquerdo.


Gazzaniga e Sperry, en 1967, levaron a cabo varios experimentos con pacientes aos que se lles realizara unha escisión cerebral, isto é, a ruptura da comunicación entre os hemisferios cerebrais, para evitar ataques epilépticos graves. Esta investigación tentou explicar até que punto o hemisferio dereito tiña capacidades de procesamento lingüístico, e o resultado foi que o hemisferio dereito pode percibir e comprender certos estimulos visuais, sendo quen de ler letras, palabras breves e números, así como certos tipos de linguaxe oral, mais non é quen de verbalizar a información percibida, tendo que responder mediante métodos de resposta non verbais. Porén, a capacidade de comprensión non é total, pois non é quen de comprender frases ou responder satisfactoriamente a ordes verbais. Non está aínda claro até que punto pode o hemisferio dereito descodificar os estimulos verbais, sendo necesaria unha maior investigación ao respecto.


Bibliografía:

Akmajian, Adrian, Richard A. Demers, e Robert M. Harnish. 1984. "Lenguaje y cerebro". En Lingüística: una introducción al lenguaje y a la comunicación. Madrid: Alianza, pp.351-372.

1 comentario: