25 ene 2012

O sistema político dos EEUU, I: O reparto do poder

O sistema político dos Estados Unidos de América é unha das primeiras mostras desenvolvidas da conformación dunha democracia liberal, pero a súa configuración específica está determinada por unha serie de particularidades.

Para tratar estas peculiaridades temos que retroceder até maio de 1787, cando comezaron en Philadelphia as deliberacións da convención constitucional que daría lugar á Constitución Federal de 1787.

Durante este proceso de redacción tiveron lugar importantes debates. Así, James Madison, defendía desde postulados do pensamento político ilustrado de Locke unha idea dun contrato social, cun goberno instituído polo pobo que respetase e garantise os dereitos inalienábeis. Porén, como os gobernos tenden a sobrepasar os seus límites, Madison propuxo un sistema de contrapesos, no que as tres funcións do goberno (lexislativa, executiva e xudicial) gozasen dunha grande separación e se controlasen mutuamente.

A este modelo contrapúxose outro, impulsado por Alexander Hamilton, que propuña un modelo máis parecido ao de Inglaterra, onde a monarquía e a aristocracia controlasen as "paixóns populares".

O modelo finalmente adoptado é similar ao proposto por Hamilton, cun poder lexislativo, o Congreso; un poder executivo encabezado polo presidente e un poder xudicial federal cuxa máxima instancia era o Tribunal Supremo.

Isto non acaba, en absoluto, coas particularidades. Para maximizar a separación entre poderes e potenciar a estabilidade ante as posibles "paixóns populares" das que falaba Hamilton, paixóns que poderían mudar todos os poderes nun corto período de tempo, a Constitución asignou diferentes mandatos aos distintos elementos electos:

Así, temos o calendario de eleccións aínda vixente hoxe en día nos Estados Unidos: Por unha banda, os membros da Cámara de Representantes son eleitos cada dous anos; os senadores, que ao comezo eran escollidos polas asembleas lexislativas dos estados, son escollidos por mandatos de seis anos, mais de forma que un tercio da cámara é renovado cada dous anos; o presidente é escollido por catro anos e os xuices federais son designados de forma vitalicia, ou até que se retiren ou sexan destituídos mediante impeachment.

Porén, a maior dificultade na redacción da Constitución foi a de decidir o formato de representación de cada estado. Presentáronse diferentes plans de cara a solucionar este problema: o Plan Virxinia, de Madison, defendía que cada estado debía estar representado pola súa poboación, o que daría unha posición de poder aos estados máis poboados e incomodaba aos estados máis pequenos. Pola outra banda, o Plan New Jersey, defendido polos estados máis pequenos, defendía que cada estado tivera un voto nun consello nacional. A solución foi o chamado "Compromiso de Connecticut", isto é, crear criterios distintos para as diferentes partes do goberno, habendo representación proporcional á poboación na Cámara de Representantes, e dous votos por estado no Senado, o que satisfacía a ambas partes ao ter que pasar as leis por ambas cámaras e estar conformadas as cámaras con cadanseu criterio.

Así temos a conformación do sistema político americano actual:
  • Cada dous anos escóllese a Cámara de Representantes, unha cámara de 435 asentos que representan cadansúa circunscripción, repartidas de forma proporcional á poboación.
  • Nesas mesmas eleccións escóllense tamén un tercio dos membros do Senado, por períodos de 6 anos (de forma que cada dous anos renóvase un tercio da súa composicións). O Senado é unha cámara onde cada estado está representado por dous senadores, independentemente da súa poboación.
  • Cada catro anos ten lugar a elección do Presidente da Unión. Falaremos destas eleccións proximamente.
  • Finalmente, os membros do Tribunal Supremo son propostos polo Presidente, confirmados polo Senado e serven de forma vitalicia ou até que se retiran ou son destituídos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario