18 ene 2012

Arquitectura bioclimática (por Carlos Rivera)

A arquitectura bioclimática é aquela na que o deseño se realiza tendo en consideración o entorno no que se vai ubicar a edificación, analizando os seus condicionantes climáticos, a orientación, os ventos ou a humidade entre outros factores, para aproveitar ao máximo as súas virtudes e aos que engadindo unha boa selección dos materiais permitirá executar unha edificación cun alto grao de confort interior e que trata de reducir o seu consumo enerxético á mínima expresión.

É un concepto aplicable a todos os estilos e elementos arquitectónicos, que sen deixar de lado requerimentos estéticos e funcionais posúe como puntos fortes o respecto co medio ambiente, a sensibilidade ao impacto que provoca sobre a natureza e a redución dos índices de contaminación ambiental.


Moitos dos principios nos que se basea este concepto existiron sempre e non é difícil atopar características da arquitectura bioclimática en edificacións pertencentes á arquitectura tradicional. Por poñer un exemplo, colocar árbores de folla caduca na fachada sur das edificacións, permite que chegue a esta a maior radiación solar posible no inverno, mentres que no verán a folla limita o paso da luz solar reducindo os seus efectos sobre a fachada.

Para acadar o confort ambiental do que falabamos anteriormente a través do aproveitamento das virtudes do entorno, as seguintes premisas básicas a ter en conta son:
  • Reducir tanto como sexa posible a demanda enerxética.
  • Control das perdas de enerxía, tratando de que sexan mínimas nos meses de inverno.
  • Acadar unha óptima calidade do ambiente interior mediante unhas condicións adecuadas de temperatura, humidade e movemento e calidade do aire.
  • Contribuír na medida do posible ao aforro no consumo de combustibles
  • Diminuír a emisión de gases contaminantes á atmosfera.
  • Ter en conta os efectos do edificio sobre o entorno: substancias que poida desprender, consumos que poidan influír no desenvolvemento sostible do lugar coma o consumo de auga ou outras materias primas por enriba da súa capacidade de renovación.
  • Harmonización e funcionalidade de espazos.

A foto anterior pertence á Shell House, gañadora de varios premios de arquitectura, do estudio Artechnic. En artechnic.jp, no apartado Residential, tedes multitude de fotos da edificación, tanto do exterior coma do interior.

No hay comentarios:

Publicar un comentario