12 dic 2011

É a empatía un rasgo exclusivo dos seres humanos?

A resposta a esta pregunta debe ser un categórico non por parte de todos os que temos experiencia interaccionando con animais non-humanos. De feito, moitas veces teño a impresión de que algúns animais son bastente mellores humanos cá algunhas persoas que anda por aí soltas. Resulta sinxelo atopar exemplos de empatía en animais domésticos, pero un sempre pode argumentar que isto pode ser produto da selección artificial levada a cabo con estes animais. Pero, teñen as ratas capacidade empática? Poden realizar a cabo actividades co único fin de beneficiar a outro semellante?


Como en ciencia trabállese con coñecemento empírico, un grupo de investigadores da Universidade de Chicago, liderados pola Dra. Peggy Mason, decidiron deseñar experiementos destinados a respostar a estas preguntas. Para iso, empregaron unha serie de sinxelos mais enxeñosos tests co obxetivo de comprobar se a presenza de compañeiros de caixa atrapados induce unha motivación pro-social en ratas ceibes capaz de levalas a liberar á compañeira atrapada.

Cómpre sinalar neste punto que algo xa era coñecido con respecto á capacidade empática das ratas. Sabemos que estes animais son capaces de experimentar contaxio emocional. En palabras da Dra. Peggy Manson, un bo exemplo de contaxio emocional sucende cando un bebé comeza a chorar e todos os bebés presentes fan o mesmo. É sabido que as ratas amosan este mesmo tipo de reacción con respecto aos seus semellantes. Ademais, as ratas presentan unha serie de estereotipias na presenza de estímulos estresantes, por exemplo conxélanse (deixan de moverse) cando algo inesperado ten lugar no seu entorno. Por último, se situamos unha rata nunha caixa, a rata vai tender a moverse polas paredes e a evitar o centro da mesma, probabélmente para evitar ser exposta a depredadores.

Aclarado todo isto, no primeiro experimento, unha rata foi introducida nunha caixa na cal se atopaba unha compañeira atrapada nun tubo de plástico situado no centro. Así que sea rata ceibe vai liberar á compañeira atrapada, debe ir en contra do instinto amanterse fóra do centro da caixa. Esta situación repetiuse durante 12 días.Desde o principio a rata ceibe tendeu a moverse ao redor do tubo, tratando de cavar perto del ou mordelo, tamén contactou coa rata atrapada empregando os buracos presentes no tubo. Aprender como liberar á compañeira non foi sinxelo, xa que de media as ratas precisaron sete días para abrir a comporta que mantiña atrapada á compañeira. É interesante salientar que a apertura da porta por parte da rata ceibe produxo inicialmente unha resposta de conxelamento que desapareceu co tempo.

Os resultados deste experimento amosan que todas as ratas femia aprenderon a rescatar á compañeira atrapada, nos machos un 71% rescatou ao compañeiro. As diferenzas entre macho efemia non rematan neste punto, xa que as femias foron tamén máis rápidas cós machos en abrir a porta. Estes resultados concordan co corpo de coñecemento xa existente que semella suxerir que as femias son máis empáticas cós machos.

Mais, neste punto, alguén podería dicir que se cadra as ratas abriron a porta sinxelamente porque lles resulta atractiva a interacción co seu medio. Para isto, levaronse a cabo experimentos nos que se lles presentaban as ratas tubos valeiros ou cunha rata de xoguete. Nestes casos as ratas ignoraron o tubo.

Moito máis interesante é o feito coñecido de que as ratas están dispostas a traballar, por exemplo premer unha alavanca, a cambio de interaccionar cun semellante. Así que un podería dicir que a rata ceibe se cadra aprendeu a liberar á compañeira só para ter acceso á interacción social. Neste caso levaron a cabo un experiemento no cal a apertura do tubo permitía á rata atrapada saír a unha área da caixa separada da área onde se atoba a rata ceibe. Incluso neste caso, no cal a interacción entre as dúas ratas era imposíbel, a rata ceibe liberou á rata atrapada.

Para rematar este traballo, levaron a cabo unha derradeira tarefa. Neste caso presentáronse dous tubos, un con chocolate e un cunha compañeira atrapada. Porse alguén o dubida, as ratas gustan moito do chocolate, así que neste caso, rescatar á compañeira atrapada levaría a ter que compartir o doce. Incluso neste experimento, o tempo empregado para rescatar á compañeira ou para rescatar o chocolate foi o mesmo.

En definitiva, os autores deste artigo conclúen que este traballo demostra que as ratas compórtanse dun xeito prosocial cando perciben a un semellante experimentando estrés psicolóxico e actúan de xeito deliberado para rematar con ese estrés. Ademais, esta conduta ten lugar en ausencia de entrenamento, recompensa social e incluso cando compite coa presenza de doces.

Este artigo acabade publicarse en Science http://www.sciencemag.org/content/334/6061/1427 e neste vídeo http://video.sciencemag.org/VideoLab/1310979895001/1 a autora explica un pouco o seu traballo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario