1 jul 2011

Precedentes do cinematógrafo.

O cinematógrafo foi desenvolvido por Louis e Auguste Loumière nos anos 1890, mais, moito antes daquela primeira exhibición o 28 de decembro de 1895, houbo uns cantos aparellos que axudaron a desenvolver a invención dos irmáns Loumière.

Obviamente o primeiro gran desenvolvemento previo ao cine foi a invención da fotografía nos anos 1820 (baixo estas imaxes, a fotografía máis antiga conservada), á súa vez determinado pola camara escura. A fotografía permitía a captura dunha imaxe da realidade, o que é imprescindible para o cine.


Porén, o problema de capturar imaxe en movemento foi moito máis difícil de resolver. Os primeiros intentos chegan nos anos 1830: En 1824, como un experimento para tentar demostrar o fenómeno da persistencia da visión, inventouse o taumátropo. Este consistía nun disco con imaxes pintadas a ambos lados a cuxos extremos uníanse unhas cordas. Ao facermos xirar o disco rapidamente, as dúas imaxes parecen combinarse nunha soa.

En 1829 sucedeulle o fenaquistoscopio, un disco que se dispuña en sentido vertical cunha manivela no centro. Ao redor do centro atopamos unha serie de debuxos que se corresponden coas imaxes dunha animación, así como unha serie de aperturas. Ao poñer o fenaquistoscopio en movemento e mirar a través das aperturas á reflexión deste nun espello, o usuario vía unha ilusión de movemento.

En 1834 o matemático inglés William Horner creou o primeiro zoótropo moderno (se ben hai constancia de modelos menos avanzados nunha data tan temperá como o s.II a.C na China). O zoótropo (baixo estas liñas, imaxe de Thor Muller) consiste nun cilindro con pequenas aperturas cortadas nas paredes. Na parte inferior do cilindro, baixo as aperturas, colócase unha banda que ten unha secuencia de imaxes, debuxos ou fotografías. Ao xirarmos o zoótropo prodúcese novamente unha ilusión de visión da imaxe en movemento.

Como podemos ver, nestes dous casos unha serie de imaxes estáticas con pequenos cambios entre elas dan unha sensación de movemento ao poñer en funcionamento os aparellos. Porén, se as imaxes son postas simplemente en movemento, producirase un simple emborranchado das imaxes. É por isto que temos as aperturas, que permiten evitar este efecto e fan que as imaxes aparezan como unha ilusión de movemento. Este principio das aperturas continuou sendo importante no cinematógrafo, ao igual que o fenómeno daquela caracterizado como persistencia da visión, influíndo no desenvolvemento do mínimo de 16 imaxes por segundo do cine.



Porén, aínda quedaba o problema da captura de imaxes en movemento. O 11 de xuño de 1877, Eadweard Muybridge, durante un experimento para determinar se un cabalo en carreira ten as catro patas no aire nalgún momento, fotografou un cabalo en movemento mediante o uso de vintecatro cámaras estereoscopicas, dispostas ao longo do percorrido, con disparadores accionados polos pezuños do cabalo. Posteriormente, estas imaxes foron proxectadas cun zoopraxiscopio, outra creación de Muybridge que proxectaba imaxes grabadas en discos de cristal en movemento. O 14 de outubro de 1888 firmouse un segundo filme experimental, a Roundhay Garden Scene, filmado por Louis Le Prince en Leeds. Este filme de dous segundos é o filme conservado máis antigo.

En 1889, William Friese-Greene patentou unha cámara cronofotográfica capaz de sacar até dez fotografías por segundo en película de celuloide perforada. A patente interesou a Thomas Edison, que estaba traballando nun sistema de visionado individual de filmes, o quinetoscopio, pero o baixo número de imaxes por segundo que tomaba a súa camara daba lugar a unha sensación de movemento pouco crible.

O quinetoscopio desenvolvido pola compañía de Edison con W. K. L. Dickson de investigador principal, consistía nun aparello que tomaba fotografías instantáneas nunha banda de celuloide de 35 mm, e despois permitía o seu visionado individual ao mirar o usuario por un burato do aparello. Este foi o último aparello reseñable antes do cinematógrafo dos irmáns Loumière, o primeiro aparello que permitía producir, revelar e proxectar filmes a unha audiencia, e o que creou o cine tal e como o concebimos actualmente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario