O airbag é un sistema de seguridade pasiva que se emprega en automóbiles consistente nunha bolsa de aire que, durante unha colisión, se incha para amortecer o impacto do ocupante. O sistema patentouno Mercedes-Benz no 1971 e agora está instalado na gran maioría dos vehículos que se fabrican.
En caso de accidente, uns sensores (acelerómetros, de impacto, de velocidade das rodas, xiroscopios, etc.) detectan a colisión, unha vez que se confirma que a colisión é real e non é unha "falsa alarma", prodúcese a explosión que expulsa un gas que enche a bolsa de nailon que xa se está desinflando a través duns buratos de varios centímetros de diámetro. Todo isto acontece en menos de 70 milisegundos, mentres que o ocupante do vehículo tarda entre 150 e 300 ms en decatarse do acontecido.
Agora a cámara lenta co tempo marcado en milisegundos:
A crenza popular di que o airbag pode afogar, o cal é unha afirmación totalmente falsa debido a que, como xa dixen, ten uns buratos de varios centímetros de diámetro (podedes observar como soltan o gas no vídeo a cámara lenta, ou velos abertos nesta imaxe) que desaloxan o gas case instantaneamente (no vídeo queda inchado debido á capacidade portante da propia bolsa). O perigo real do airbag é a activación do mesmo se o ocupante non ten posto o cinto xa que o ocupante que estaría desprazado sería despedido cara atrás. Tamén debemos desactivar o airbag do acompañante (moitos coches teñen unha rañuriña para a chave que permite desactivalo) cando se levan as cadeiras para nenos que van de costas á circulación debido a que o airbag batería contra as cadeiras, sendo contraproducente. Se levades posto o cinto de seguridade, o máis probable é que as secuelas debidas ao airbag sexan unhas leves queimaduras nos brazos debido ao roce que produce a bolsa cando se incha.
No hay comentarios:
Publicar un comentario