18 abr 2011

Citas e referencias, II: O Chicago Style

O pasado venres presentabámosvos o primeiro dunha serie de posts sobre as diferentes escolas de citación e referencia co artigo sobre o APA Style. Hoxe falamosvos do Chicago Style.

O Chicago Style foi creado pola University of Chicago Press, e desde 1906 leva publicadas 16 edicións, a última en 2010. O estilo Chicago é empregado por historiadores e noutros ámbitos, mais a súa característica principal é o seu emprego moi habitual nos Estados Unidos.

O estilo Chicago caracterízase por unha maior liberdade de estilos. Así, con este estilo podemos empregar tanto o estilo autor-ano como as notas ao pé para referenciar unha cita no texto, e cada un deles leva consigo o uso dunha lista de referencias bibliográficas personalizada:

Estilo Autor-Ano.

O uso do estilo autor-ano nas notas no texto dá un resultado moi semellante, salvo pequenas diferencias, ao de empregar o APA Style.
Obra dun autor: (Apelido do autor ano)

Obra de dous autores: (Apelido do autor and Apelido do autor ano)

Obra de 3 ou máis autores: (Apelido do autor, Apelido do autor, [...] e Apelido do autor ano)

Obra dunha institución ou grupo: (Nome da institución ano)

Cita dunha páxina concreta: (Apelido do autor ano, páxinas)

Cita concreta dunha obra sen paxinación: (Apelido do autor ano, baixo "título da sección")

No tocante á lista de referencias, os cambios son un chisco máis importantes, especialmente no caso das referencias a páxinas web:

Artigo nunha revista:
Apelido, nome. Ano. Título do artigo. Título da revista, número da revista, páxinas.
Artigo con múltiples autores:
Apelido, nome e nome apelido. Ano. Título do artigo. Título da revista, número da revista, páxinas.
Artigo ou carta ao director nun xornal ou revista periódica (non académica)
Apelido, nome. Ano. Título do artigo. Nome do xornal, día e mes, páxinas ou sección.
Libro:
Apelido, nome. Ano. Título do libro. Cidade: Editora.
Libro con varios autores:
Apelido, nome e nome apelido. Ano. Título do libro. Cidade: Editora.
Libro editado:
Apelido, nome. Ed. Ano. Título do libro. Cidade: Editora.
Capítulo dun libro:
Apelido, nome. Ano. Título do capítulo. En ed. Autor , Título do libro, páxinas. Cidade: Editora.
Artigo nunha revista impresa tomado de internet:
Apelido, nome. Ano. Título do artigo. Título da revista, número da revista, páxinas. URL/doi.
Elemento nunha páxina web:
Apelido, nome. Título do artigo. Título da páxina web. URL/doi.


A referencia con notas.

O estilo de referencia con notas é bastante diferente. Consiste en marcar cunha chamada de nota o final do texto citado, e dar a referencia nunha nota, ben ao pé, ben ao final da páxina. No uso destas notas empregaríase o principio de economía, tentando obviar a maior cantidade de información repetida posible.
Seguindo o Chicago Style, a información nas notas sería a seguinte:

Primeira citación dunha obra (Exemplo: libro dun só autor):
Apelido, nome.Título do libro. (Cidade: Editora, Ano), páxinas1.
Subsecuentes citacións dunha obra:
Apelido, Título do libro, páxinas.
Citación que refire á mesma obra que a nota inmediatamente anterior:
Ibid2., páxinas.
A citación múltiple da mesma páxina dunha obra debe evitarse, e poñer no seu lugar:
Ver a nota número x, máis arriba.


A lista de referencias bibliográficas tamén cambiaría se seguimos este criterio:

Artigo nunha revista:
Apelido, nome. "Título do artigo," Título da revista, número da revista, (Ano): páxinas.
Artigo con múltiples autores:
Apelido, nome e nome apelido. "Título do artigo," Título da revista, número da revista, (Ano): páxinas.
Artigo ou carta ao director nun xornal ou revista periódica (non académica)
Apelido, nome. "Título do artigo," Nome do xornal, data completa, páxinas ou sección.
Libro:
Apelido, nome. Título do libro. Cidade: Editora, Ano.
Libro con varios autores:
Apelido, nome e nome apelido. Título do libro. Cidade: Editora, Ano.
Libro editado:
Apelido, nome, Ed. Título do libro. Cidade: Editora, Ano.
Capítulo dun libro:
Apelido, nome. " Título do capítulo" Editado por Autor , Título do libro, páxinas. Cidade: Editora, Ano.
Artigo nunha revista impresa tomado de internet:
Nome Apelido "Título do artigo," Título da revista, número da revista, (Ano): páxinas. URL/doi.
Elemento nunha páxina web:
Nome Apelido "Título do artigo," Título da páxina web. URL/doi.


NOTAS:
1 En xeral, na primeira aparición a obra citarase do mesmo xeito que na bibliografía, a excepción dos libros e derivados, nos que cidade, editora e ano irán entre paréntese.
2 Abreviatura de ibidem.

No hay comentarios:

Publicar un comentario