En lingüística, chamamos neutralización ao fenómeno polo cal as oposicións polas cales somos quen de clasificar como unidades discretas diferentes partes dun continuo quedan suspendidas en certos casos.
Este termo foi introducido por Trubetzkoy e moi empregado no estruturalismo analítico de Coseriu.
A neutralización é un fenómeno principalmente fonolóxico, que podemos exemplificar na realización dubitativas das nasais a final de sílaba en español, que contrasta coa súa distinción no resto dos contextos. Neste caso, as diferentes realizacións da nasal ven suspendida a súa diferencia de punto de articulación, e son analizados como un único arquifonema, /N/.
Este fenómeno axudanos tamén a explicar outros fenómenos lingüísticos do mundo. Por exemplo, en inglés moitas das vogais ven suspendidas as súas oposición en posición non acentuada, dando como resultado a emisión dunha /ə/.
Porén, non só podemos falar de neutralización desde un punto de vista intralingüístico, senón tamén interlingüístico. Por exemplo, é ben coñecida a perda da oposición de /l/ e /ɹ/, que facemos en galego e noutras moitas linguas, nos casos do chinés e do xaponés, de forma que o continuo que nós clasificamos como dous fonemas diferentes eles clasifican como un só, sendo a súa realización máis próxima a /l/ no caso do chinés e a /ɽ/ no do xaponés.

No hay comentarios:
Publicar un comentario